Compañías de teatro e grupos musicais apoian nestes días a celebración do Día das Letras dedicado a Carlos Casares con producións e gravacións centradas na obra do autor homenaxeado.
Unha das iniciativas máis salientables é a do grupo musical Gelria. Formado por Elena Tarrats, Federico Mosquera e Mario G. Cortizo, puxo música ao poema ‘Amemos’ dun escritor que, aínda sendo ben máis coñecido pola súa produción en prosa e xornalística, tamén traballou no eido da poesía. O tema, un canto á alegría de vivir, editarase en forma de disco sinxelo e de vídeo. Gelria viña de editar un libro disco dedicado a varios poetas galegos; a canción baseada no texto de Casares soará nas actuacións en directo que teñen fixadas para o día 16 deste mes no Grove; o 17 na Cidade da Cultura en Compostela; e o 19 en Rianxo.
As iniciativas teatrais tamén se suceden, moitas delas poñendo en escena os textos clásicos e pioneiros que Casares dirixiu á infancia. Así, a compañía Ubú Teatro leva meses xirando con A galiña azul, cunha adaptación que fai fincapé nos valores cívicos que transmite a obra: a unión contra a inxustiza e os poderosos, o valor do diferente e o poder da imaxinación. Nas funcións de Ubú Teatro, incluídas dentro da programación institucional FalaRedes 2017, regálase un volume do texto con debuxos feitos por nenos e nenas.
Tamén se basea no texto de A galiña azul a proposta de Tanxarina Teatro. A compañía, que atesoura unha das traxectorias máis longas dentro do panorama escénico galego, pon sobre as táboas o texto de Casares mediante o recurso aos monicreques, de creación propia.
Outra das creacións para a infancia de Carlos Casares, a saga dos Toribios, é o punto de partida da función de Galeatro. A compañía carballesa inclúe dentro da programación da Xunta ‘Ler conta moito’ o seu espectáculo ‘O contador de contos’, que xirará ata o 16 de xuño por distintos puntos da xeografía galega.
Tamén podemos contar co espectáculo de Serafín Marcos que se converte no autor homenaxeado polo Día das Letras Galegas. O espectáculo é unha especie de biografía de Carlos Casares que vai cobrando forma a partir das súas obras.
O artista Fran Rei tamén está realizando unha xira a partir da obra de A galiña azul na que percorrerá varias vilas galegas durante estes meses.
No espectáculo, creado a partir da popular obra infantil de Casares, Fran Rei mestura narración, humor, maxia e títeres para achegar ao público infantil e familiar o universo da literatura de Casares en cinco contos fantásticos nos que comparten protagonismo animais e persoas peculiares e entrañables. Baixo a dirección de Tareixa Campos e a colaboración de Marga Portomeñe, que elaborou uns títeres a partir das marabillosas ilustracións orixinais de Xohán Ledo e os seus fillos para A galiña azul.