樂威壯
dth=”300″ height=”196″ />A Real Academia Galega conmemorará o mércores o Día das Letras celebrando unha sesión extraordinaria en Xinzo de Limia, a vila na que se criou o autor homenaxeado este ano, Carlos Casares. O evento, que se levará a cabo no salón de plenos da casa consistorial ás 11.30, poderase seguir a través dunha pantalla xigante instalada na praza contigua ao Concello, que leva o nome do escritor.

A sesión extraordinaria é un dos actos centrais da homenaxe que fará a Academia a Casares, quen foi membro da institución ata o seu falecemento en 2002. Durante o acto falarán acerca da súa figura e da súa obra os académicos Henrique Monteagudo (autor recente dunha biografía sobre o escritor), Fina Casalderrey e Xesús Alonso Montero. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, tamén tomará a palabra para pechar a cita. Está prevista a presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e de outras personalidades.

Os actos centrais do Día das Letras en Xinzo inclúen ademais outros atractivos que din moito da personalidade poliédrica de Casares e do aprezo popular do que goza a súa figura. Máis alá das celebracións académicas, Xinzo de Limia acollerá tamén o mércores unha concentración de motos Harley Davidson, marca que apaixonaba ao escritor. Haberá ademais música a cargo de María do Ceo, un roteiro por lugares que fan referencia a Casares, actividades infantís e unha feira do libro galego.

Esta xornada especial en Xinzo ten especial significación literaria dada a importancia que a vila e a súa contorna teñen na obra de Carlos Casares. A infancia que pasou na comarca da Limia é un dos eixos fundamentais de boa parte da súa narrativa, desde os iniciais relatos que formaron parte de Vento ferido ás novelas de madurez como Deus sentado nun sillón azul ou O sol do verán.