A figura de Carlos Casares será homenaxeada máis alá de Galicia con motivo do Día das Letras do próximo mércores. Así, o espazo de exposicións do Instituto Cervantes en Curitiba (Brasil) acollerá desde mañá día 16 ata o último día do mes de maio unha exposición especial con motivo do Día das Letras Galegas. Trátase da mostra Carlos Casares e a fotografía, na que se toca unha faceta artística relativamente descoñecida do escritor: a fotografía. Recóllese unha selección de trinta imaxes nas que Casares figura como retratista ou como retratado, en ámbidos como o familiar, as viaxes, o autorretrato ou feitas para traballos profesionais como a Guía da provincia de Pontevedra. Carlos Casares e a fotografía puido verse en 2015 e 2016 en varios lugares de Galicia, e foi comisariada por Vítor Vaqueiro e Gustavo Adolfo Garrido baixo a coordinación técnica de Lara Bacelo. A exposición en Curitiba irá acompañada dun faladoiro sobre a lingua galega, e nela colaboran a Fundación Carlos Casares, a Xunta de Galicia, a Universidade Federal do Paraná e o propio Instituto Cervantes.

Mentres, en Arxentina, a figura de Casares recordarase na Casa de Galicia de Córdoba a través dunha palestra a cargo de Graciela Guardia e da poeta Claudia Righero. A primeira falará da vida do autor, mentres que a segunda o fará sobre a obra. O acto conta co apoio da Fundación Carlos Casares e vaise levar a cabo o mércores 17 na Casa de España, e pecharase coa actuación dun conxunto de música tradicional galega.