Ademais dos actos centrais do Día das Letras, que se celebrarán en Xinzo de Limia arredor da sesión especial que alí levará a cabo a Real Academia Galega, a axenda de acontecementos espállase por toda Galicia, dando a medida da dimensión e o aprezo popular acadados pola figura de Carlos Casares. Xuntamos aquí algunhas das propostas dun calendario inabarcable co que Galicia celebra a súa lingua e a un dos autores que mellor a souberon empregar.
A praza do Toural de Santiago de Compostela será o escenario dun Vermú das letras, coa actuación dos músicos Xoán Curiel e Sérgio Tannus. Habería tamén un roteiro ás 14 e ás 20 horas por lugares composteláns vinculados a Casares, unha iniciativa para a que hai que anotarse en info@auditoriodegalicia.org e que continuará ao longo da semana presente. Outra praza compostelá vinculada a Casares, a de Mazarelos, acollerá unha nova edición da Romaría dos Libros durante toda a xornada. Á noitiña (20.30 horas) Talía Teatro e o Centro Dramático Galego porán en escena no Salón Teatro o espectáculo Os mortos daquel verán, baseada na obra que publicou Casares a finais dos 80 sobre os momentos posteriores ao inicio da Guerra Civil nunha pequena vila ourensá.
No musical o trío Gelria actuará ás 13.00 horas na Cidade da Cultura de Galicia nun concerto especial polo Día das Letras. Entre outras composicións interpretarán a súa peza baseada no poema Amemos, de Casares. Despois haberá vermú literario para os asistentes.
O acto principal das Letras na cidade da Coruña é unha foliada no Campo da Leña, que comezará ás 19.00 horas coa actuación de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.
Narón festexará as Letras Galegas cun programa que comeza ás 12 co teatro de Ghazafelhos, segue ás 13.00 con baile para os máis pequenos e remata ás 18.00 horas con concerto para nenos e nenas de Paco Nogueiras e un espectáculo musical e teatral, todo a realizar na Praza do Concello. Moi preto, na Biblioteca de Moeche (A Coruña), Cris de Caldas explicará ás 17.00 horas aos máis pequenos o significado dun dos clásicos infantís de Casares, A galiña azul, relacionándoo cos contos de tradición oral que tanto lle gustaban ao autor. A mesma actividade repetirase ás 17.00 horas na Biblioteca de Mos (Pontevedra).
En Quiroga (Lugo), a Casa da Cultura porá o escenario ás 20.00 para os contos de Casares, narrados por Larraitz Urrusola. En Alfoz os máis pequenos poderán participar no Gran xogo sobre as Letras Galegas para coñecer a diversos autores homenaxeados, entre eles o deste ano, na biblioteca municipal, ás 18.00.
Ourense, que acaba de declarar a Casares fillo predilecto, organiza para o Día das Letras un roteiro vital e literario polos lugares da cidade a el vinculados. Os máis pequenos poderán gozar ás 12 no Auditorio co espectáculo Carlos Casares con maxia e música, unha orixinal proposta arredor da vida do escritor contada a través de trucos e cancións. Ás 13.00 haberá actuacións na Rúa do Paseo a cargo do músico Emilio Rúa, acompañado como narrador polo escritor Carlos Caneiro. Esta mesma actividade repetirase ás 19.00, desta vez no Auditorio Municipal de Verín.
En Vigo, a Orquesta Clásica de Vigo ofrecerá un concerto no que se lerán os textos de tres contos incluídos no seu día na obra Os escuros soños de Clío, nas voces de Silvia Penas, Iolanda Zúñiga e Lina Pérez. Interpretaranse composicións musicais de Juan Eiras (“Preludio aos Cantos da Maré”; Bitácora 01 – 04) e de Magdalena Argibay (“Pequena suite galega”), con Adrián Pais e Mila García como solistas.
Moi cerca, no barrio olívico de Bouzas, os veciños xuntaranse na Alameda á chamada da Asociación Cultural da Vila de bouzas para confeccionar un maio e danzar arredor del. Os máis pequenos poderán escoitar o conto de Casares A galiña azul, e haberá unha actuación musical a cargo de Vellos Ventos.
Mentres, en Tui celebrarase a XX Feira do Libro Galego no Paseo da Corredoira. Contará con vinte postos lectores de diversas librarías, e a montaxe incluirá paneis sobre a vida e a obra de Carlos Casares, realizados polos centros educativos tudenses. En Cangas do Morrazo, ás 11.00 da mañá, haberá un desfile e festival folclórico dos centros escolares locais, partindo da explanada posterior á casa consistorial e espallándose polas rúas da vila. Ás 20.00 o Auditorio Municipal acollerá a Festa da Cultura cos premios Xohan de Cangas ao labor cultural e á creación artística; e o preio Ignacio Cerviño á conservación do patrimonio.
En Vilagarcía de Arousa actuará o cantautor Luis Emilio Batallán na Praza da Liberdade de Carril, ás 13.00 horas. Na localidade pontevedresa de Portas haberá un espectáculo de maxia baseado en obras de Casares, no Auditorio da Azucreira ás 19.00 horas.
Na vila pontevedresa de Ponte Caldelas está aberta desde hoxe unha exposición sobre Carlos Casares na biblioteca; e en Gondomar homenaxearase ao autor de Ilustrísima cun acto amenizado polo grupo musical 2naFronteira (que incluirá no repertorio poemas do escritor celebrado) e dirixido por Marta Dacosta, así como unha lectura pública de textos e a proxección do vídeo Do Vilariño ao Carlos Casares, elaborado polo alumnado e o profesorado do CEIP Carlos Casares, de Vilariño (Nigrán), localidade na que viviu moitos anos o escritor ourensán. Este último evento levarase a cabo no auditorio municipal Lois Tobío.