A Real Academia Galega homenaxeou hoxe en Xinzo de Limia, con motivo do Día das Letras Galegas, a quen foi membro do seu plenario desde 1977 e ata o seu falecemento, en 2002. A figura de Carlos Casares centro a emotiva sesión extraordinaria da institución, marcada polos discursos dos académicos Fina Casalderrey, Henrique Monteagudo e Xesús Alonso Montero, que destacaron o papel do homenaxeado no panorama cultural galego da segunda metade do século XX e debullaron a importancia da súa obra para a literatura do país e para a universal.
A sesión extraordinaria da Academia foi o acto central do Día das Letras Galegas dedicado a Casares, e a ela asistiron o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez. O acto comezou coas palabras de Fina Casalderrey, que destacou o papel de Xinzo, a vila na que se criou, no universo narrativo do autor lembrado: “Aquí, no corazón da Limia, onde chegou dende o seu Ourense natal con apenas tres anos, despregou as súas ás de neno curioso para abrir as portas ao mundo das emocións e do coñecemento”, dixo, remarcando que “no ecosistema de Xinzo asistiu Casares á primeira escola do fantástico, aquí enraizou no cerne das esencias galegas e experimentou o feito prodixioso de comprobar que as pequenas cousas poden dar paso a grandes emocións e que, estas, permanecen habitándonos de por vida”.
Mentres que Casalderrey destacou o traballo de Casares como escritor para público infantil, Henrique Monteagudo falou da súa narrativa para adultos, enmarcándoa nun “ciclo que ten como pórtico Xoguetes para un tempo prohibido (1975) e que se completa coa triloxía formada por Ilustrísima (1980), Os mortos daquel verán (1987) e Deus sentado nun sillón azul“. Pola súa banda, Xesús Alonso Montero explorou a faceta menos coñecida de Casares, a de autor de poesía, xénero que cultivou “non sen entusiasmo, e desde os 21 anos atopamos poemas seus en publicacións serias, non poucos inscribibles no que, naquel tempo, se chamaba poesía comprometida”.
Finalmente interviu o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, que destacou o traballo de Casares como xestor cultural e “home comprometido co seu país e co seu tempo”. “Carlos Casares traballou sempre desde o compromiso por Galicia, pola lingua e pola identidade”, dixo.
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cualificou a Carlos Casares de “labrego das palabras” e de “escritor que conversaba e conversador que escribía”. Remarcou que el, xunto con “outros galeguistas, formou unha ‘conspiración’ pacífica para erguer a nova Galicia, non sobre dogmas, senón sobre palabras, afectos e acordos. Foi Carlos Casares un escritor comprometido. O seu compromiso non se establece con ideas que dividen, senón con ideas que unen”.
Imaxes: Xosé Castro/Real Academia Galega e Xunta de Galicia