O instituto María Soliño de Cangas do Morrazo loce desde hoxe unha placa en recordo a Carlos Casares, que foi mestre no IES de Rodeira nos anos setenta. No marco das homenaxes ao escritor polo Día das Letras Galegas, varios docentes que no seu día foran alumnos del foron os protagonistas do evento.

Xosé Manuel Pazos, alcalde de Cangas, e Arancha Vega, directora do instituto, foron os encargados de descubrir a placa, na que se pode ler: “En memoria e agradecemento a Carlos Casares Mouriño, un dos máis ilustres membros do claustro deste instituto. Cangas, 18/05/2017. Semana das Letras Galegas”. Pazos anunciou que o escritor de Xinzo será nomado fillo adoptivo da vila de Cangas. O evento rematou coa interpretación do himno do Antigo Reino de Galicia por parte da banda de gaitas María Soliño.