Case medio século despois e poucas xornadas tras da celebración do Día das Letras Galegas, a corporación municipal de Viana do Bolo reparou simbolicamente unha inxustiza cometida durante o franquismo contra Carlos Casares: cos votos favorables de todos os edís, o Concello repudiou a expulsión da vila que sufriu o escritor en 1970, sendo mestre no colexio local.

Segundo narrou no propio acto o historiador Carlos Ares, Casares foi cesado como profesor en marzo de 1970 por desavinzas cos representantes do réxime na localidade, e foille prohibido exercer o ensino en toda Galicia. A orixe do conflito foi a representación dunha obra de teatro escrita por Manuel Ramos Castromil na que se criticaba o caciquismo. A expulsión de Viana provocou a marcha do autor de A galiña azul a Bilbao, onde si puido dedicarse a docencia.

Foi, segundo o actual alcalde de Viana, “unha acción inxusta e unha represalia política”. Para Secundino Fernández, o acto do pasado venres veu “repudiar publicamente as accións que lamentablemente conduciron á expulsión de Casares desta vila e a restituír a súa memoria no tocante a estes feitos, que non expresaron nin expresan o sentir das veciñas e veciños de Viana do Bolo». Votaron a favor da iniciativa os tres grupos políticos con representación no consistorio, o BNG, o PSOE e o PP. Pechou o acto a interpretación do Himno Galego por parte do Orfeón Vianés.

Ao acto asistiu o presidente da Fundación Carlos Casares e irmán do escritor, Xavier Casares Mouriño, que leu un texto do homenaxeado no Día das Letras referido ao seu amor pola vila de Viana.

Tamén estiveron presentes varios veciños que foron alumnos de Casares no seu breve paso pola vila no curso 1969-1970, que recordaron con cariño a quen fora o seu profesor. A súa memoria na vila segue moi presente, case 50 anos despois. Esta pequena galería fotográfica recorda o paso do escritor por Viana do Bolo.