O Lar Gallego de Sevilla dedicou o mes pasado dúas xornadas a conmemorar o Día das Letras Galegas e a recordar a figura do escritor homenaxeado Carlos Casares Mouriño. Unha conferencia e dúas xornadas de contacontos foron os actos centrais da celebración no centro da comunidade galega na capital andaluza.
A fin de semana dedicada ás Letras Galegas comezou o venres 19 coa inauguración dunha exposición sobre Don Quijote e Cervantes, na que se destaca a vinculación do autor con Galicia. Á noitiña, a coñecida narradora e actriz Paula Carballeira ofreceu unha sesión de contacontos para adultos.
Ao día seguinte foron os máis pequenos os que puideron gozar da habelencia como narradora de Carballeira, que ofreceu unha mañá de contos para nenos e nenas. Xa pola tarde, o ex director do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) e membro de honra do Lar Gallego de Sevilla, Emilio Castro Fustes, pronunciou unha conferencia sobre a figura de Carlos Casares e a súa obra. Na charla estivo presente o presidente do Lar Gallego, Alfredo R. Otero García. Despois da charla resolveuse o fallo da IX Edición do Certame de Relatos Curtos “María Teresa Rodríguez”, un dos máis importantes da capital por tradición e dotación económica.
Imaxes: Lar Gallego de Sevilla