A Biblioteca Rosalía de Castro do Campus de Ourense da Universidade de Vigo acolle ata o próximo día 7 de xullo a mostra As caras dos libros. O deseño de capas na obra de Carlos Casares. A mostra, organizada pola Fundación Carlos Casares, reúne capas de libros escritos polo autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2017, así como de obras colectivas nas que tivo participación.

Esta é unha versión ampliada da exposición orixinal, realizada no seu día en colaboración coa Asociación Cultural Rocha Forte en Santiago de Compostela. Desde a primeira edición de Vento ferido, hai agora medio século, ás modernas reedicións da obra de Casares, os creadores destas capas “contribuíron a debuxar a ventá sobre a que Casares deitaría a súa literatura”, en palabras do asesor técnico da Fundación, Miguel Valverde.

Das máis de 170 obras publicadas nas que tivo participación Casares, a exposición reúne unha escolma de 120, con traballos de fotógrafos, debuxantes, maquetadores ou deseñadores como Xohán Ledo, Manuel Janeiro ou Francisco Mantecón, (Galaxia); Xacobe Salom e Carlos Delgado (Edicións do Cerne); Enric Satué (Alfaguara); Enric Solbes (Bromera); Ubach (Caralt); Miquel Puig (Proa); Gynn Rees (Planet); Elisa D´Anna (Japadre); etcétera. Nelas inclúense obras de artistas como Egon Schiele (pintor moi aprezado polo propio Casares犀利士5mg
), Vincent van Gogh, Piero di Cosimo, Graham Brace, Edward Hopper, Giuseppe Arcimboldo, Rafael Coronel, Edward Burne-Jones ou Luís Seoane, unha mostra do eclecticismo e a multiplicidade de intereses do autor de Xinzo de Limia.

As caras dos libros tamén presta atención á obra infantil casariana, con debuxos de Fausto Isorna, Penélope Ares, Manuel Uhía, Pedro del Llano, Luis Castro Enjamio, Xan López Domínguez, Alberto García Alonso, José María Gallego e Julio Rey, Andrés Meixide ou Marga Puncel.

Imaxes: Universidade de Vigo