A singular Ínsua dos Poetas, un espazo dedicado aos creadores na parroquia de Madamás, no Carballiño, dedicou a súa Festa da Palabra anual a Carlos Casares, aproveitando que o autor foi o homenaxeado polo Día das Letras Galegas 2017. Ao acto asistiron familiares de Casares; amigos, escritores e representantes do mundo das arte; o conselleiro de cultura, Román Rodríguez; o presidente da Deputación de Pontevedra, José Manuel Baltar; e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega. O evento servíu para descubrir unha escultura en memoria do autor de Ilustrísima.
Ademais de ser este un ano de especial significación para a figura de Casares, a cita tiña a especial trascendencia de se celebrar na provincia natal do escritor. Como destacou o escritor e amigo Damián Villalaín, Ourense e a Limia foron “a súa primeira tribo”. Villalaín enxalzou o traballo en favor do galego e da cultura do país realizado por Casares, máis alá da súa importante e indubidable pegada literaria.
O evento, que se abriu coa actuación do grupo Gelria (interpretando a súa versión do poema de Casares Amemos), tivo como punto máis emotivo a inauguración dunha escultura do artista Manuel García de Buciños. Descubrirona o fillo menor de Casares, Christian, e o seu irmán Xavier, presidente da Fundación que leva o seu nome.
A Festa da Palabra, iniciativa anual impulsada por Luís González Tosar, chegou este ano á súa novena edición. Ao finalizar entregáronse os premios Setecarballas a Antón Pulido, Miguel Anxo Fernán-Vello, o Centro Partido do Carballiño en Buenos Aires, a plataforma Ríos Limpos, Carlos Guitián, o programa ‘Diario Cultural ‘da Radio Galega e o grupo teatral local Tiruleque.