Varias actividades achegaron a figura, a obra e as paixóns de Carlos Casares. A exposición “O principiño ao redor do mundo. A coleccion de Carlos Casares” estivo na segunda quincena de setembro no CEIP de Cedeira (Redondela), onde o seu alumnado estivo realizando un gran número de actividades relacionadas coa mostra e a diversidade lingüística de todo o mundo.

Por outra banda, o Concello de Ribeira acolle nestas semanas de setembro e outubro a mostra “As caras dos libros. O deseño de capas na obra de Carlos Casares” na biblioteca municipal de Ribeira. Aproveitando as actividades relacionadas co Día Europeo das Linguas, a normalizadora lingüística do concello, Alicia Padín, desenvolveu actividades paralelas, como a lectura da obra de Saint-Exupéry en varias linguas do mundo e a visita á mostra “Expresións diversas”, sita no centro cultural “Lustres Rivas”.