O remate das Letras Galegas 2017 deixou moitas e importantes novidades editoriais das que agora nos facemos eco. Xa durante o resto do ano foron aparecendo diferentes estudos, ensaios, artigos, homenaxes e adaptacións musicais ligados á figura de Carlos Casares, así como diversas publicacións de obra súa, nalgún caso inédita ata o momento.
Entre as últimas publicacións do ano podemos salientar as seguintes:
- Carlos Casares (1941-2002). Legado dun escritor.- Esta publicación nace do número 40 da Revista Raigame que foi dedicado a Carlos Casares. Xa na súa presentación no pasado mes de maio, o presidente da Deputación de Ourense valorou editar a publicación en formato libro, o cal se levou a cabo, coa inclusión ademais de dúas novidades: unha achega de Delfín Caseiro sobre as colaboracións de Carlos Casares no Liceo e a bibliografía máis completa que existe de Carlos Casares. O libro pode solicitarse na Deputación de Ourense, no Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo” ou na Fundación Carlos Casares, de xeito gratuíto ata fin de existencias.
- A ledicia de ler.- Esta compilación de máis de catrocentos artigos permite reconstruír a memoria lectora da sociedade galega a través dos máis de vinte anos, de 1975 a 1992, en que Carlos Casares quixo compartir cos lectores e lectoras do xornal La Voz de Galicia a ledicia de ler. Con este título convidou a unha sociedade galega que saía de corenta anos de ditadura a abrir as fiestras á luz da intelixencia. Segundo escribiu o autor de O sol do verán, a súa intención era “fomentar a lectura do libro galego e fundar unha crítica literaria sostida e regular”. Velaquí unha achega imprecindible non só para completar a obra xornalística do escritor senón tamén para coñecer e comprender en profundidade a súa concepción da literatura.
- Homenaxe a unha amizade. Carlos Casares e Marcos Valcárcel.- Este libro homenaxe a Marcos Valcárcel e Carlos Casares xorde da proposta de Afonso Vázquez-Monxardín para que o texto “Ourense, de auga e pedra”, pouco coñecido, se xuntara con dous textos nos que Carlos Casares fala de Marcos Valcárcel e Marcos Valcárcel fala de Carlos Casares. Recolle ademais preto de 100 ilustracións que fan referencia ao texto e axudan a reinterpretar a cultura de Ourense e a cidade de Ourense.
- Número 13 da Revista Lethes “Cadernos culturais do Limia”.- No citado número recóllense as achegas de máis dunha ducia de escritores e escritoras limiás que asistiron ao encontro celebrado na pasada primavera no Museo Etnográfico da Limia. Tamén recolle os traballos dos alumnos e alumnas dos centros de ensino da comarca que participaron no II Certame “Carlos Casares”.
- O suicidio de Jonas Björklung e outras historias.- Recóllese neste libro de Carlos Casares unha colección de relatos dispersos, en galego e castelán, algún deles inédito, escritos entre os anos 1965 e 2001. Un conxunto de historias que vén ser o complemento dos dous libros de relatos –Vento ferido (1967) e Os escuros soños de Clío (1979)-, que o autor publicou en vida, e nas que aparecen os temas principais da súa obra: a violencia, o dogmatismo, a tolerancia e o humor.