En claro compromiso coa memoria de Carlos Casares, a Deputación Provincial de Ourense vén de outorgar o máis importante galardón da provincia ao escritor e galeguista ourensán nun acto que precisamente coincidiu co 16 aniversario do seu pasamento, e un ano despois dos actos do Día das Letras Galegas 2017 en homenaxe a Casares.

O obxectivo, segundo o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, é continuar coa visibilización da figura e a obra de Carlos Casares para que non se quede só nun acto puntual, senón que continúe nos vindeiros anos, en actividades e eventos nas que a entidade provincial, a familia e a Fundación Carlos Casares colaboren e traballen conxuntamente.

Na mesa do acto solemne de entrega da medalla, no salón de plenos da deputación, estiveron presentes Xavier Casares, Manuel Baltar, Håkan e Christian Casares, e Luís González Tosar, quen se encargou da expresiva e garimosa laudatio. A coral Ruada foi a encargada de abrir e pechar o acto con varias pezas, entre elas o himno da provincia. A lectura do acordo plenario da entrega da medalla de ouro da provincia correu a cargo do deputado de cultura, Manuel Doval.

Enlace: Acto de entrega da Medalla da provincia a Carlos Casares – vídeo do acto