Tras unha semana de duro labor na concepción e no deseño do mural, e ante as inquisitivas miradas e preguntas infintas do alumnado do CEIP Carlos Casares de Vilariño, o escritor ourensán recibe unha nova homenaxe da man da artista Lula Goce e do Concello de Nigrán.
Foi a dirección do CEIP, situado moi preto de onde residiu Casares na última etapa da súa vida, quen propuxo a idea, enmarcada no seu proxecto “Artistas do Val Miñor”, para difundir o talento da comarca. O consistorio contactou con Lula Goce, de Baiona, quen ten xa unha importante traxectoria no deseño e pintado de murais dentro e fóra de Galicia. O fermoso resultado pode contemplarse na galería de imaxes. Un deseño inspirado na evocación da obra de Carlos Casares e nunha figura infantil, con mirada soñadora, que sostén un libro nas mans.
O mural será inaugurado o 23 de abril, coincidindo co Día do Libro, nun acto que contará coa participación do concello, o centro escolar, a artista e a familia de Carlos Casares.