O pasado venres 4 de maio presentáronse os Cursos de Extensión de Verán do Campus de Ourense da Universidade de Vigo. Na cita anual a estes prestixiosos cursos, para o ano 2018 se ofrecen seis oportunidades de explorar campos temáticos e educativos especiais dentro da oferta docente universitaria, abertos a todo o público interesado nos temas que se tratan.
A Fundación Carlos Casares, a través da cátedra que leva o nome do escritor ourensán, organiza, en colaboración con outras entidades, a 15ª edición do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC 2018). Dirixido polo profesor universitario e crítico de cine, Miguel Anxo Fernández, o CeMAC leva xa 15 anos de experiencias, de alumnado e profesorado compartindo vivencias sobre o sector audiovisual. Un curso que crece e se transforma ano a ano para achegar propostas e actividades de grande interese.
Para a edición deste ano, cuxo programa estará dispoñible este venres na web da fundación e na páxina de preinscrición do CeMAC 2018, o Curso contará con expertos de dentro e fóra de Galicia, estreas importantes, presenza de directivos de cadeas de televisión e outras sorpresas. O título: “A narrativa audiovisual do presente: vieiros, formatos e pantallas“, e terá lugar no Auditorio Municipal Iludara de Celanova (AMIC) do 3 ao 6 de xullo.
Ademais de todo isto, presentarase tamén o Taller “Celanova, plató de ficción”, que contará coa produción audiovisual dunha peza durante a duración do curso, realizada por alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación baixo a dirección de Paulino Pérez Feijoo.
Como todos os anos, o Curso terá un sistema de transporte gratuíto que recollerá ao alumnado nos distintos campus o día 3 de xullo, e un transporte de regreso para o día 6 de xullo. Así mesmo, o albergue de Celanova estará dispoñible de forma gratuíta grazas ao Concello da vila durante as noites do 3 ao 5 de xullo para acoller a aquelas persoas inscritas que desexen pernoctar na vila de Curros Enríquez.
Máis información: Páxina dos Cursos de Extensión Universitaria