O secretario da Fundación Carlos Casares, Gustavo A. Garrido, e a fotógrafa Lara Bacelo, participaron na inuaguración da exposición “Carlos Casares, imaxe e cinema. Dúas miradas” na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña. Xunto co concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento do Concello da Coruña, José Manuel Sande García, inaugurouse o día 12 de xuño, e está adicada á figura do recordado escritor e organizada pola nosa entidade e o Concello da Coruña.
A exposición repasa con todo luxo de detalles a mirada nas artes visuais e audiovisuais por parte do escritor e galeguista Carlos Casares. Co seu afán de crear cultura galega e en galego, Casares cultivou estes dous campos dunha maneira non meramente de afeccionado, senón con intencionalidade artística e creativa.
Froito dos seus esforzos nestes eidos, e do seu afán de coleccionista de cámaras antigas, son publicacións como a Guía da provincia de Pontevedra, obra que contén numerosas fotografías do escritor ourensán. A exposición recolle todos estes esforzos, e vencella imaxe, cinema e literatura nunha exposición integral, con aspectos pouco coñecidos dun Casares que en 2017 recibiu o recoñecemento das Letras Galegas.
Na exposición poden verse máis de 40 instantáneas seleccionadas do arquivo dixitalizado do escritor, así como unha ducia de paneis con textos sobre Casares e tamén con información sobre a paixón de Casares polo cinema e como influíu tamén na súa escrita. Remata a exposición unha vitrina con unha pequenísima mostra da súa colección de cámaras fotográficas e libros relacionados coa unha das paixóns vitais de Carlos Casares.
Exposición: “Carlos Casares, imaxe e cinema. Dúas miradas”
Lugar: Casa Museo Casares Quiroga
Datas: Do 12 ao 27 de xuño de 2018