En vida de Carlos Casares, a Xunta solicitoulle permiso para que a súa colección fose exposta para visitas escolares, ante máis de 200 alumnos e alumnas de varios centros. Foi nese momento cando Casares foi consciente da importancia da súa colección para ensinar valores ás novas xeracións e as curiosidades de diferentes culturas unidas a un soporte físico, o libro, e a unha historia universal chea de simbolismos como é a obra de Saint-de-Exupèry, do que se cumpren 75 anos do seu falecemento. Así o reflicte Casares nunha marxe súa de novembro de 2001, titulada “Xeografía do corazón”:
“[…] Chaman a atención, sobre todo, as edicións en linguas de alfabeto distinto, como poden ser o grego, o devanagari da India, o cirílico, o xaponés. Nesta última, ademais, os rapaces quedan sorprendidos de que a capa do libro estea “ao revés”, é dicir, na parte que nos chamamos a contracapa e que a lectura se faga de esquerda a dereita. Unha boa oportunidade para falarlles aos nenos das diferenzas e da relatividade das cousas.
Os pequenos, que eran pequenos de verdade, estiveron moi atentos en tanto lles falaban da paz, cada un deles cun exemplar de O principiño na man, mirándolle os santos. Mentres eu os observaba, fascinado por tanta inocencia xunta, veume á cabeza a idea de pensar como sería a biografía individual de todos aqueles cativos dentro de vinte anos. Inevitablemente, haberá de todo. Para que ese todo sexa o máis venturoso posible, actos como o de onte me parecen espléndidos. Cando lle amosei a edición de Uzbequistán, todos sabían onde quedaba Afganistán. Está ben que aprendan xeografía, pero mellor que aprendan a xeografía do corazón.”
A exposición “O principiño ao redor do mundo. A colección de Carlos Casares” visitará o Multiusos da Xunqueira, no Concello de Redondela, dende o 29 de marzo ao 25 de abril de 2019. Está aberto a todo o público e tamén aos centros escolares que desexen asistir.