Hoxe, ás 11 horas, o auditorio da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo acolleu un faladoiro sobre as novas traducións de Vento ferido, a ópera prima de Carlos Casares e a importancia da tradución no sistema lingüístico e literario galego.
Presentado polo decano da facultade, Luis Alonso Bacigalupe, a primeira intervención correu a cargo de Håkan Casares, fillo do escritor ourensán, que deu varias pinceladas biográficas sobre a importancia das linguas e da tradución na figura de Casares tradutor
Acto seguido, Gustavo A. Garrido, secretario da Fundación Carlos Casares, falou da importancia do Arquivo Persoal do escritor, que a entidade custodia. Con case un 80% do arquivo dixitalizado, a sede da Fundación recibe cada ano a investigadoras da Facultade de Filoloxía e Tradución para traballar nos seus fondos.
Iolanda Galanes, profesora titular da Área de Tradución en Interpretación da UVigo no departamento de Tradución e Lingüística, salientou as diferentes traducións da obra do escritor ourensán, e o froito dos traballos realizados no seu Arquivo Persoal durante os últimos catro anos.
Por último, o filólogo e poeta Jesus Moinhos presentou a súa tradución de Vento ferido ao esperanto. Esta tradución fora precedida pola publicación dun dos contos do libro (“La knanibo de la cirko” – “A rapaza do circo”) no nº 30 da revista estadounidense Beletra Almanako, en outubro de 2017. Jesus Moinhos agradeceu á familia e á Fundación as facilidades para que se puidese traducir e publicar a obra ao esperanto, que saíu ao prelo en xullo de 2019 baixo o título de Vundita Vento na editorial Espero de Eslovaquia. Con esta publicación, a ópera prima de Carlos Casares pode lerse xa en esperando, castelán e inglés, e algúns dos seus contos tamén noutros idiomas como o catalán ou o italiano.
O faladoiro foi gravado e pronto poderá consultarse na web de UVigo TV.