O día 4 de decembro presentouse ante a prensa o “Premio Carlos Casares – Kristina Berg ao talento activo”, un galardón dotado con 10.000 euros co que se prentende recoñecer en Galicia o talento emerxente dunha persoa en calquera área do coñecemento, dentro dun proxecto vital interesante e prometedor.
No acto de presentación estiveron presentes Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, Hakan Casares, administrador da fundación e fillo do galeguista ourensán, e María Canosa, en representación do xurado elixido para avaliar as candidaturas.
Manuel Baltar deu inicio ao acto salientando a alianza entre a Deputación de Ourense e a Fundación Carlos Casares co obxectivo de manter vivo o legado e a obra do escritor, para dar a coñecer a súa figura entre a xente nova e apostar polo talento da mocidade en Galicia. O impulso ao talento, a aposta por potenciar figuras emerxentes, é un reto para o premio, que pretende consolidarse e situarse como referente novidoso.
Pola súa parte, Hakan Casares agradeceu o apoio da Deputación de Ourense, sinalando o carácter continuista do premio co labor de impulso do talento novo que realizaba Carlos Casares nos seus múltiples contactos. “Dedicaba unha parte importante das súas enerxías a formar e encamiñar xente nova que estaba comezando, valorando o seu traballo e promocionándoa alí onde podía ser de utilidade para o país, construíndo un legado do galeguismo cívico moderno”. Hakan sinalou tamén que este premio pretende ser un punto de inflexión na vida da persoa galardoada, e que o premio redundará no beneficio de toda a sociedade galega.
María Canosa agradeceu poder formar parte co resto do xurado deste premio, indicando que, na súa situación, dez anos atrás a existencia deste premio podería terlle sido de moitísima utilidade. Salientou tamén que o premio non ten ningunha contrapartida, sendo unha aposta de futuro, o cal resulta de sumo interese. E apuntou o papel de Kristina Berg como columna central da conformación da figura de Carlos Casares como figura do galeguismo, co cal, a súa presenza no nome do premio é todo un acerto.
Durante o acto se emitiu un vídeo de Cristina Pato explicando as razóns da súa participación como xurado no premio.
BASES E XURADO
As bases do premio poden consultarse neste enlace. Dotado con 10.000 euros, calquera institución ou entidade galega (incluídas asociacións, universidades, fundacións, administracións, centros artísticos ou tecnolóxicos, etc.) pode postular a xente nova, de ata 36 anos, que considere que é un talento emerxente. O período de candidaturas comezará oficialmente o día 1 de xaneiro de 2020 para a primeira edición, e estenderase ata o día 15 de maio ás 24 horas.
O xurado que avaliará as candidaturas e fallará o premio está conformado por:
- María Canosa Blanco (Cee, 1878).- Enxeñeira de Camiños pola Universidade da Coruña, compaxina a súa profesión coa vocación de escritora, elaborando guións para a TVG onde tamén presenta un famoso programa cultural.
- Fernando González González (al. Gonzo) (Vigo, 1976).- Licenciado en Periodismo pola Universidade Pontificia de Comillas, comezou a súa carreira en RNE, pasando logo á televisión: Telecinco, Antena 3, TVG e La Sexta, aínda que mantén tamén cunha colaboración con Cadena SER.
- Cristina Pato Lorenzo (Ourense, 1980).- Gaiteira, pianista, educadora, escritora e produtora, formada no Conservatorio de Ourense; foi bolseira da Fundación Barrié e doutorouse en Musical Arts na Rutgers University (EUA). Durante o curso 2019-2020 ocupa a Cátedra Juan Carlos I da Universidade de Nova York (NYU).
- María Martinón Torres (Ourense, 1974).- Doutora en Medicina e Cirurxía, Paleoantropóloga, directora do Centro Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana (CENIEH), profesora do Depto. de Antropoloxía do University College de Londres (UCL).