O Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) acolleu esta mañá a rolda de prensa de presentación das II Xornadas “Videoxogo e Literatura. Unha mirada transversal”, organizadas pola Fundación Carlos Casares coa colaboración do Museo do Videoxogo de Cangas (MUVI), de Polygon-e Studios e tamén co apoio da Fundación MARCO. O evento terá lugar os días 11 e 12 de setembro no auditorio do museo vigués, e poderá seguirse de forma presencial e tamén por streaming.

Na rolda de prensa interviu en primeiro lugar Gustavo A. Garrido, secretario da Fundación Carlos Casares, que tras desculpar a ausencia de Luz Castro por motivos técnicos, debullou os obxectivos do evento, que pretende, por unha banda, poñer de relevo a situación e perspectivas da industria cultural do videoxogo na contorna do sistema cultural galego e, por outra, afondar nas sinerxías entre videoxogo e outros sectores culturais (audiovisual, musica, artes…), e en especial coa literatura. As Xornadas pretenden poñer o foco nas relacións e influencias que a literatura tivo nos videoxogos, pero tamén a influencia cada vez maior dos videoxogos na literatura. Tamén se explorarán os efectos sociais e médicos dos videoxogos en proxectos para combatir o Alzheimer ou para a mellora do proceso educativo.

En segundo lugar falaron Galo e Jacobo Martínez, que aproveitaron a rolda de prensa para anunciar que o Museo do Videoxogo de Cangas acaba de converterse en fundación cultural galega. Tamén presentaron a exposición “A historia dos videoxogos en 360º”, unha mostra que poderá visitarse parcialmente a partir da vindeira semana e tamén a partir do 7 de setembro de forma virtual na páxina web do evento. Durante as Xornadas, e coas debidas medidas hixiénico-sanitarias, os responsables do MUVi realizarán visitas guiadas para explicar os pormenores da mostra, que ten por primeira vez unha sección dedicada aos grandes fitos dos videoxogos desenvolvidos en Galicia.

Miguel Areán, xerente de Polygon-e Studios sinalou algún dos conferenciantes e temas das conferencias. As Xornadas contarán coa presenza, entre outras persoas, de David Ferriz, cofundador, deseñador de xogo e artista gráfico en DevilishGames, e creador de Path to MnemosyneMaría Fernández, creadora de videoxogos e embaixadora de Women in Games; Onésimo Juncos, GI en Neurociencia Cognitiva Aplicada e Psicoxerontología; Concepción González, Developer Manager en Electronic Arts, e tamén traballou como xefa de proxecto en Ubisoft e Blizzard; Gilberto Sánchez, director académico da área de Videoxogos da U-TAD e coordinador de área de industria en FEVeS (Federación Española de Videojuegos e eSports); etc. Tamén sinalou que están en marcha actualmente os concursos de Arte Pixelada e de Desenvolvemento de Videoxogos, ou game jam.

Finalmente, os organizadores das Xornadas salientaron que se tomarán todas as medidas sanitarias pola Covid-19. O aforo do auditorio do MARCO reduciuse ata 26 postos, polo que na web do evento existe un formulario de inscrición para a totalidade ou parte das intervencións dos días 11 e 12 de setembro. As intervencións poderán seguirse tamén por streaming e manteranse colgadas para que os que non poidan seguilas en directo as poidan reproducir posteriormente.