Nas últimas décadas os videoxogos conseguiron posicionarse como produtos de consumo de millóns de persoas, exercendo un impacto maiúsculo a nivel sociocultural. A historia do videoxogo é, polo tanto, unha historia apaixonante que combina os ingredientes dos produtos tecnolóxicos máis avanzados coa creatividade e o empeño dos creadores, deseñadores e publicistas, nun camiño de humildes comezos pero con resultados sorprendentes nesta nova industria cultural.
Na visita á exposición poderemos atopar deseños de consolas, o universo arcade, produtos móbiles, realidade virtual, mandos de control revolucionarios, videoxogos que marcaron épocas e os principais fitos no emerxente sector do videoxogo en Galicia.
A exposición está coordinada por Jacobo e Galo Martínez, da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI), e se encadra nas “II Xornadas Videoxogo e Literatura. Unha mirada transversal” da Fundación Carlos Casares.
VISITA PRESENCIAL E VISITA VIRTUAL
A exposición, instalada no corredor e sala cubo do MARCO de Vigo, abriuse o mércores día 9 de setembro dende as 18:00 horas ata o peche do museo. Os visitantes tiveron acceso a unha experiencia integral e interactiva, que se repetirá nos días das Xornadas, venres 11 e sábado 12 de setembro, seguindo sempre as normas hixiénico-sanitarias en vigor. Os coordinadores da exposición tamén responderán as preguntas e dúbidas das persoas que acudan a visitar a mostra. O mesmo día 9 tamén quedou aberto o acceso virtual público e gratuíto á exposición, na web das xornadas, www.videoxogoeliteratura.gal, na web do MUVI www.muvi.gal, e proximamente na web do MARCO.
CONTEXTO
A Fundación Carlos Casares organiza no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), durante os vindeiros días 11 e 12 de setembro, a segunda edición das Xornadas «Videoxogo e Literatura. Unha mirada transversal», na que se debatirán e analizarán a situación e as perspectivas do sector do lecer interactivo en Galicia e as súas posibles sinerxías co sector cultural, en especial coa literatura. Os faladoiros, mesas redondas e presentacións de proxectos, serán retransmitidos en streaming na súa totalidade, dende o plató situado no Auditorio do MARCO, onde se reservou un aforo de 26 persoas para quen desexe asistir a todas ou algunhas das sesións, sempre previa inscrición (www.videoxogoeliteratura.gal) e aceptación das normas hixiénico-sanitarias en vigor.