A Fundación Carlos Casares, dentro do marco de actividades desenvolvidas no programa O teu Xacobeo, da Xunta de Galicia, e grazas á colaboración do Liceo de Ourense e mais a Fundación Penzol, inaugurou a exposición “Galicia escandinava. O Camiño do Oeste a Santiago de Compostela” no claustro do segundo andar do Liceo de Ourense. No acto estiveron presentes o presidente da Fundación Carlos Casares, Xavier Casares, e o co-comisario da mostra, Miguel Valverde, así como outros socios do Liceo de Ourense. A exposición permanecerá aberta ata o 30 de setembro en horario de 09 horas a 21 horas.
Miguel Valverde agradeceu ao programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia a posibilidade de facer realidade a mostra, salientando os feitos máis singulares da mesma e as actividades relacionadas que se desenvolverán durante a súa itinerancia, incluso máis alá do tempo inicialmente designado. Pola súa banda, Xavier Casares se centrou no lado humano e biográfico de Carlos Casares, salientando a relación do escritor co mundo escandinavo a través da importante figura de Kristina Berg.
A EXPOSICIÓN
O eixe central da mostra é a relación dos Países Escandinavos: Suecia, Noruega, Dinamarca, e os seus antigos territorios (Islandia, Illas Feroé e Orcadas), con Galicia a través Camiño de Santiago. Explica a historia e o desenvolvemento das rutas xacobeas que cara a Compostela e amosa os fitos senlleiros do seu devir, dos puntos emblemáticos da súa xeografía, urdime de pasado e presente, e do seu patrimonio material e inmaterial. Tamén quere render unha sentida homenaxe á vida e obra dos hispanistas nórdicos que alumearon o universo xacobeo e a forxa da unidade cultural europea. A exposición bota as súas raíces nos traballos do medievalista Vicente Almazán (1924-2006), e no seu amor por Galicia.