Vén de fallarse o día 21 de decembro, na sala de xuntas do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, a primeira edición do premio organizado pola Fundación Carlos Casares en colaboración coa Deputación de Ourense, e dotado con 10.000 euros.
O Xurado, composto por Cristina Pato, María Martinón-Torres, María Canosa e Fernando González “Gonzo”, ademais de Xavier Casares, presidente da fundación do escritor ourensán, e de Rosendo Fernández, vicepresidente da institución Provincial, en representación de Manuel Baltar, determinou como gañador, entre as seis candidaturas seleccionadas, a Cristian Fojón Caruncho, ilustrador natural de Vidueiros, Ortigueira, onde naceu en 1997.
Formado na Escola de Arte e Superior de Deseño aplicado Pablo Picaso da Coruña, ten repartido o seus traballos entre a autoedición (Historias de Rego Torto, 2012-16 / Dorotea, 2018); a obra colectiva (Un ferrado de dignidade. Demo editorial, 2017); a colaboración con artistas (O puño e a letra. Edicións Xerais, con Yolanda Castaño / Semillas, videoclip de Tremenda Jauría e Fermín Muguruza, 2019 / imaxe do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, 2019); e vén de publicar en 2019 a súa primeira obra longa: Grandarroiba (Demo editorial).
O Xurado destacou a paixón de Cristian F. Caruncho pola banda deseñada, e o estilo depurado que manifesta, co que ergue o ambiente rural galego, tan minuciosamente tratado, a unha categoría claramente global e doadamente compatible coas tendencias máis modernas da BD. Apreciou nel un potencial riquísimo que confía converta, co tempo, ao artista que xa é, nun referente internacional.
O Xurado tamén salientou a altísima calidade das cinco candidaturas restantes, figuras moi prometedoras dunha Galicia a rebosar de talento.