O 24 de agosto de 1941 nacía na cidade de Ourense o escritor Carlos Casares. Hoxe cumpriría 80 anos un galeguista incansable e tenaz que buscaba posicionar Galicia e o galego no lugar que lle correspondía en Europa e no mundo. Unha persoa afable, conversadora, cunha amizade e humorismo desbordantes e, ao mesmo tempo, un traballador incansable en prol da verba e da vida.

No noso sitio web podedes atopar varios recursos propios e externos que se foron elaborando tras case 20 anos do seu falecemento, o 9 de marzo de 2002. Tamén queremos amosar dende a Fundación Carlos Casares a nosa particular homenaxe ao escritor, ao pai, ao esposo e ao home que deixou unha pegada imborrable.