Este xoves ás 11:30 h na aula do 2º andar do Centro Cultural Marcos Valcárcel, de Ourense, tivo lugar a rolda de prensa de presentación da XVII edición do CeMAC, o Curso de Extensión Universitaria de Medios Audiovisuais organizada pola Fundación Carlos Casares e dentro da oferta de cursos da Universidade de Vigo. Asistiron, ademais de don Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; don Francisco Javier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares; dona Judith Fernández Novoa, xefa territorial da Consellería de Cultura; dona Esther de Blas, vicerreitora do Campus Ourense da UVigo; e mais Paulino Pérez Feijoo, codirector do CeMAC. O CeMAC, Curso de Extensión Universitaria de Medios Audiovisuais, leva celebrándose en Celanova dende 2004 coa única excepción do ano pasado por mor das medidas anti-COVID-19.

Paulino Pérez sinalou que esta edición era especial en varios aspectos. En primeiro lugar, faise en Ourense, despois da paréntese do 2020 provocada pola pandemia; faise no ronsel do OUFF (Festival Internacional de Cine de Ourense); e terceiro, para que ninguén quede fóra, a Fundación Carlos Casares ofrece 15 bolsas que cubren a totalidade da matrícula (máis información no mail info@fundacioncarloscasares.org). Por outra parte, comentou que o Taller Audiovisual “Celanova, plató de ficción”, realizará a súa peza audiovisual nº 11, cun equipo de alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da UVigo, cun tema moi acaído aos tempos que estamos a vivir: unha road movie que trata dun conflito creacional.

O presidente da Fundación Carlos Casares, pola súa banda, recodou os inicios do CeMAC en 2004. Agradeceu o apoio dos patrocinadores representados polos cargos presentes e tamén ao Concello de Celanova, que colabora co Taller Audiovisual “Celanova, Plató de ficción”.

Judith Fernández, en representación da AGADIC, trasladou o apoio da Consellería ao CeMAC no marco da estratexia da Axencia. Salientou o bo momento no que está o audiovisual galego e o excelente traballo que está realizando Paulino e mais o equipo do Taller de Celanova.

Pola súa banda, Esther de Blas comentou que os cursos nacen da colaboración da Universidade de Vigo coa Deputación Ourense, e neste en particular coa Cátedra Carlos Casares da fundación, e tamén en colaboración con outras entidades como AGADIC e o Concello de Celanova, sumado ao feito de que este ano se celebra baixo o paraguas do OUFF para concentrar esforzos e obter sinerxías significativas, o que sen dúbida garantiza o seu éxito.

Pechou o acto Rosendo Fernández, salientando o bo funcionamento do curso durante todos estes anos, que é froito sen dúbida da colaboración entre as diversas entidades. Agradeceu ao Concello de Celanova todo o labor realizado durante estes anos.