Onte luns, día 20, fallouse, na sala de xuntas do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, a segunda edición do “Premio Carlos Casares – Kristina Berg” ao talento activo organizado pola Fundación Carlos Casares en colaboración coa Deputación de Ourense. O premio recoñece o talento emerxente dunha persoa moza menor de 36 anos en calquera eido de coñecemento cun galardón de 10.000 euros. O Xurado, composto por Cristina Pato, María Martinón-Torres, María Canosa, Fernando González “Gonzo”, ademais de Xavier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares, e Patricia Torres Madureira, deputada de Cultura, en representación do presidente da Deputación, e mais Cristian Fojón Caruncho, gañador da edición do pasado ano, determinou como gañador, entre as tres candidaturas seleccionadas, ao fotógrafo Brais Lorenzo Couto, natural de Ourense, onde naceu en 1986.
O galardoado formouse como Técnico Superior de Fotografía na Escola de Arte e Deseño “Antonio Faílde” de Ourense, e graduouse en Xeografía e Historia na Universidade de Vigo. Como fotógrafo profesional colabora habitualmente con Axencia EFE e Faro de Vigo, e ten publicado noutros medios como El País; Nós Diario; Revista Luzes; o británico The Guardian, e axencias como AFP ou AP. Algúns dos seus traballos forman parte de exposicións fotográficas exhibidas tanto en Galicia como no estranxeiro.
O Xurado destacou a sensibilidade da mirada fotográfica de Brais Lorenzo, a calidade artística das súas obras, e o respecto e compromiso social que transmite o seu traballo. O Xurado quere resaltar, tamén, o excelente nivel dos outros dous candidatos que converteu o fallo nun proceso especialmente difícil onde houbo que considerar todos os matices dos currícula presentados.