O martes, día 8 de marzo, abrimos no Liceo de Ourense a xeira «20 anos sen Carlos Casares». Unha hora ao redor do teatro, a literatura e a cultura nestes vinte anos sen a presenza do escritor ourensán. Contamos cuns invitados de excepción, amigos e amigas que acudiron ao noso chamado: o escritor Xosé Carlos Caneiro, a actriz Mariana Carballal, a cantante María do Ceo, e mais Hakan Casares Berg, fillo do escritor e administrador da Fundación. Todos presentados por Gustavo Adolfo Garrido, o noso secretario.

Na velada, que iniciou a serie de actos que se levarán a cabo por toda a xeografía galega durante o ano en curso, quixemos falar do que pasou durante esta xa longa ausencia do escritor ourensán, mais que da súa figura e obra, que vimos tratando noutros foros. Que mudou nestes 20 anos? Que permanece? Que mellorou? Que se perdeu? Como o vería Casares?

María do Ceo puxo o broche final interpretando o fado «Carlos Casares» do que é coautora con Armando González, e outro dedicado ao famoso conto d’A Galiña azul. Non o puidemos pasar mellor.


ACTO E OFRENDA FLORAL NO 20º CADOBANO DE CARLOS CASARES 

O día 9 de marzo, vixésimo cabodano do pasamento de Carlos Casares, a fundación do escritor e os seus amigos e amigas organizamos un acto de homenaxe no Cemiterio Municipal de Nigrán, preto da igrexia parroquial de San Fiz, no que despois de colocar varios ramos de flores, diversos representante de institucións galegas dixeron unha breves palabras en recordo do escritor ourensán, veciño do Val dende os anos 80.

Estamos profundamente agradecidos ás institucións, colectivos e particulares que nos acompañaron. En especial, aos alcaldes de Nigrán e Gondomar, Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega, PEN de Galicia, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, Deputación de Ourense, Fundación Penzol, Editorial Galaxia, IES Carlos Casares de Viana do Bolo, Instituto de Estudos Miñoranos, tamén a Xesús Alonso Montero, Camiño Noia, César Cunqueiro, Carlos Núñez e aos veciños e veciñas do Val Miñor.

Igualmente aos alcaldes de Catoira, Baiona e Lalín, que non chegaron  por ter que atender inesperadamente responsabilidades urxentes, como tamén o representante da Deputación Pontevedra e algúns veciños e amigos; con todos eles quedamos obrigados. Por último agradecemos ao CEIP ‘Carlos Casares’ de Nigrán, ao alcalde do concello, ao Consello da Cultura Galega e aos Amigos/as da Fundación, que vestiron de flores o nicho do escritor.