A Fundación Carlos Casares, coa Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Concello de Celanova, a Deputación Provincial de Ourense, e co financiamento da Axencia Galega das Industrias Culturais, promove o XX Curso de Verán de Extensión Universitaria (CeMAC 2024) “20 anos co cinema galego. Industria, cultura, identidade“, unha nova achega na liña temática iniciada hai vinte anos co curso “Cine e literatura. Casares e o cine” (2004), e que veñen reunindo, no berce de Manuel Curros Enríquez, a cualificados especialistas e profesionais do sector para disertar ao redor das súas diferentes disciplinas.

Na oferta histórica do CeMAC, e xa consolidado como foro audiovisual de referencia en Galicia, pretendemos analizar a creación audiovisual en todas as súas variantes, soportes e formatos, substanciada nunha obra ou nun produto destinado a ser gozado e consumido polos receptores. Polo tanto, é obra colectiva, profesional, nun sector das industrias culturais e creativas con máis pulo de Galicia, e cunha suma de vontades ben coordinadas. Suma de vontades e suma de talentos.

O CeMAC 2024, desde a súa condición de curso universitario atento ao pulso conxuntural audiovisual do país en particular, e mesmo da sociedade en xeral con relación a cultura das imaxes e mesmo do seu consumo, afronta nesta edición un trazo singular que rematará por condicionar a evolución do sector galego. O CeMAC 2024 tamén analizará outros formatos, así como o proceso de consolidación do ecosistema audiovisual, do seu equilibrio industrial e creativo, e os pasos que se están a tomar para a súa normalización no país á marxe de soportes e formatos.

Participarán profesionais en diversos aspectos creativos (dirección, guión, produción, fotografía, música,…) e vinculados ás industrias culturais, co fin de analizar a situación do sector e as novas posibilidades transversais de actuación. Igualmente desenvolverase, por duodécimo ano consecutivo, o Taller Audiovisual “Celanova, plató de ficción”, dirixido por Paulino Pérez Feijoo. Esta experiencia, eminentemente práctica, está dirixida ao alumnado de Comunicación Audiovisual da Facultade de Comunicación e ten como obxectivo a produción dunha peza audiovisual nun tempo determinado e cun orzamento pechado. Por último, desenvolverase unha exposición que recollerá a historia dos 20 anos do Curso, analizando as persoas que pasaron nas distintas edicións, proxectos elaborados, deseños de cartelería, etc.

O cariz deste curso radica na especialización que propón ao modelo de curso de verán, xuntando nun eido formativo a reflexión aberta e a práctica audiovisual. Hai anos que xa se converteu nun evento de referencia no eido audiovisual galego, ao incluír un taller audiovisual, que lle dá un aire especial, tan apreciado polas persoas que responden ás distintas convocatorias dos cursos. En 2024, o CeMAC celebra dúas décadas seguidas (agás a interrupción forzosa da COVID-19 no ano 2020) de análise do sector audiovisual galego e as súas influencias na contorna española, galega e global.

Programa: XX Curso de Medios Audiovisuais de Celanova – Programa

Cartel: Cartel CeMAC 2024

Enlace de matrícula: Campus Activo – Curso de Medios Audiovisuais de Celanova