A actividade, organizada pola Fundación Carlos Casares e patrocinada polo Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra e mais a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, desenvolverase do martes 8 ao xoves 10 de outubro no MARCO de Vigo, analizando na súa sexta edición o sector cultural do videoxogo na súa relación con outros sectores culturais. Dentro das Xornadas, a Asociación RetroGalaicos presentará unha exposición e talleres escolares e familiares sobre videoxogos retro. As VI Xornadas Videoxogo e Literatura é unha actividade anual da Fundación Carlos Casares, coa que pretende abordar o sector cunha perspectiva transversal, sen perder de vista a relación coa literatura e as súas técnicas, así como as relacións que se establecen con outros sectores culturais e creativos. As Xornadas de Videoxogo e Literatura pretenden, tamén, ampliar o coñecemento público do sector; debullar as perspectivas de crecemento e apuntar retos e desafíos dos seus profesionais.
Nesta sexta edición consolídase a mirada transversal mediante novos contidos para as mesas redondas e os faladoiros (tradución, creación de contidos, creación indie, proxectos educativos e formativos, etc.), unha masterclass sobre deseño de narrativas, experiencias profesionais, etc. O evento será presentado por Bruno Doiro, e entre os profesionais participantes hai perfís máis consolidados (Antonio Gil, Adrián Suárez, Ángel Luis Sucasas, Beatriz Legerén, Leticia Costas, Miguel Ángel Cajigal – “El Barroquista”…) e perfís máis novos (Lara Portela, Juan Luis Lorenzo, Carlos Rodas, Sara Romero…).
Como actividade externa, contaremos coa colaboración este ano da Asociación RetroGalaicos, especializada na recuperación de hardware e videoxogos retro. Baixo o título “BIT a BIT. A evolución dos videoxogos!”, a entidade desenvolverá entre os días 8 e 12 de outubro unha exposición sobre videoxogos dos 8 aos 64 bits, as consolas que moldearon esas xeracións, e talleres para escolares e talleres familiares o sábado, co fin de que todo o mundo teña a oportunidade de coñecer a evolución do lecer interactivo dos videoxogos retro.
REXISTRO GRATUÍTO E MÁIS INFORMACIÓN
A entrada ás xornadas é de balde. É recomendable, en termos de aforo, que as persoas interesadas se apunten previamente na páxina web das Xornadas: www.videoxogoeliteratura.gal Para a participación nos talleres, debe contactarse co Museo MARCO de Vigo.
Máis información:
Ig: Instagram.com/videoxogoeliteratura
Twitter: https://twitter.com/LiteraturaXe (@LiteraturaXe)