Para os meses de novembro e decembro, a Fundación Carlos Casares desenvolverá ata 6 eventos diferentes que pretenden achegar diversos aspectos novidosos na relación transversal entre a literatura, a cultura, as artes escénicas e musicais, a política ou mesmo o humor.

O primeiro dos eventos tivo lugar este día 8 de novembro en Xinzo de Limia, coa charla “Ao redor de Antón Tovar” que se desenvolveu na Biblioteca Pública Antelana, con Xesús Alonso Montero, Delfín Caseiro e Rochi Novoa, moderados polo secretario da Fundación Carlos Casares, Gustavo A. Garrido. Na mesa redonda tratouse a figura do Antón Tovar poeta e home, pero tamén a súa obra, a súa relación con Carlos Casares e a contemporaneidade da súa poesía.

Vigo acollerá dous eventos diferentes. En primeiro lugar, a exposición “Sorrisos por un mundo. O humor en Carlos Casares“, que se poderá visitar entre o 13 e o 28 de novembro na sede que a Deputación de Pontevedra ten na cidade olívica. A mostra, interactiva e accesible a todos os grupos de idade, fai un repaso sobre as orixes do humor, as distintas teorías que falan da súa utilidade e presenza nos seres humanos e nalgúns outros animais, as manifestacións do humor en distintas culturas do mundo… Para deterse posteriormente na historia do humor en Galicia e, na última parte da mostra, analiza o humor en Carlos Casares, as caricaturas que lle fixeron, textos humorísticos, etc. Conta con guía didáctica, contidos dixitais adicionais, xogos…

Tamén en Vigo se desenvolverá o día 21 de novembro a segunda sesión de “MUTACIÓNS: Alén da Norma“. O espazo MUTA acollerá unha noite máxica onde a literatura de Carlos Casares cobrará nova vida reinterpretada polas actrices Sophia Fernández e Mariana Carballal. A música será o fío condutor desta segunda sesión, co dúo Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (violín e voz), reinterprentando melodías tradicionais galegas cun toque contemporáneo. Tamén estarán no evento Bea Míguez Beutxi e Franc Gorriz, que presentarán en conxunto unha experimentación de voz e percusión creada especialmente para a ocasión. O evento complementarase con viños da adega Alvaredos-Hobbs da Ribeira Sacra, xunto con petiscos para o público asistente, que completarán esta celebración dos sentidos. A entrada ao acto ten un custe de 15 euros con reserva previa ata completar aforo.

A cidade de Ourense acollerá tamén dous eventos de gran relevancia. O sábado 30 de novembro celebrarase no Salón Nobre do Liceo de Ourense a Gala de Entrega dos Premios Literarios Carlos Casares de Microrrelato, con entrada libre ata completar aforo. A gala será conducida por Marina Sánchez e contará con artistas de diversas disciplinas artísticas: danza (Lupe Carballo), teatro (“Xérmola. Cantos e contos”), debuxo artístico (Xosé Poldras) e música (Dúo Carrera e a Banda Xuvenil da Agrupación Musical de Vincios, Gondomar, dirixida por María García Bustos.

O Liceo de Ourense acollerá na súa Sala de tertulia o retorno das Conversas da Fundación Carlos Casares na cidade das burgas, baixo o epígrafe de “Diálogos do Volter”. Unha proposta aberta e ilustrativa dos grandes eixes da vida cívica, cultural, económica e política dos nosos tempos, dirixidos por Serxio María Rodríguez Álvarez, profesor de Ciencias Políticas da UVigo. Para esta primeira edición, o martes 3 de decembro, terá como convidado a Xosé Manuel Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea da USC, que dialogará con Serxio María Rodríguez sobre “Ucranía: as guerras da memoria antes da guerra”.

Para finalizar os eventos do ano, o xoves 5 de decembro, ás 19 horas, a Fundación Carlos Casares e o Concello de Nigrán presentarán o caderno de gravados As laranxas máis laranxas de todas as laranxas. Intervirán o autor da obra, Xosé Poldras, doutor en Belas Artes; e mais José Ángel Cid, profesor do departamento de Matemáticas da Universidade de Vigo. O interludio musical correrá a cargo do Grupo de Cámara da Agrupación Musical de Vincios. O acto é de acceso libre e gratuíto ata completar o aforo.