A Fundación Carlos Casares, grazas ao apoio económico dos concellos de Nigrán e de Xinzo de Limia, convoca para este ano 2025 dous concursos para o alumnado de Nigrán e da zona da Limia.
O CAN RIN E O LOBO CRISPÍN EN NIGRÁN. CONCURSO ESCOLAR DE RELATO CURTO

No caso de Nigrán, a Fundación Carlos Casares e o concello colaboran por terceiro ano consecutivo para homenaxear, potenciar e dar a coñecer a figura e a obra de Carlos Casares e de Kristina Berg entre a mocidade do concello a través dun concurso de relato curto cuxo prazo de presentación de propostas vai do 15 de febreiro ao 30 de marzo. O fallo do concurso e a entrega de premios realizarase na terceira edición da gala “Carlos Casares: no camiño das artes”, que terá lugar o vindeiro 12 de abril no Auditorio Municipal. O tema para o certame deste ano é “Un lobo e un can, andan soltos por Nigrán”, en referencia ao seu libro O can Rin e o lobo Crispín. O concurso está dirixido a alumnado de Primaria matriculado nalgún dos colexios de Nigrán (CEIP Humberto Juanes de Nigrán, Mallón, Carlos Casares de Vilariño, da Cruz en Camos, CPI Arquitecto Palacios en Panxón, Ángel de la Guarda en Priegue e Estudio de Chandebrito), CEE Juan María de Parada e CEE de Panxón. As primeiras 5 persoas clasificadas terán un lote de libros, e todas as persoas que compitan contarán, ademais, cun diploma que certificará a súa participación.
ENLACE: Bases do III Concurso Municipal Escolar de Relato “Un lobo e un can, andan soltos por Nigrán”.
AS CANTAREIRAS E UN POLBO XIGANTE EN XINZO DE LIMIA. CONCURSOS DE ILUSTRACIÓN

Grazas ao apoio do concello de Xinzo de Limia, a Fundación Carlos Casares organiza a sétima edición de dous certames artísticos para os centros escolares de primaria e secundaria da zona da Limia: un relacionado co Día das Letras Galegas e outro con algunha efeméride da obra de Carlos Casares. O primeiro é “Unha cuberta para as cantareiras”, no que o alumnado participante deberá idear e deseñar a cuberta dun libro sobre as Cantareiras. Poden empregar calquera técnica ilustrativa (debuxo, pintura, collage…). Valorarase o deseño, a técnica, a calidade artística, etc. O segundo certame está dedicado ao 25 aniversario da publicación de Un polbo xigante, na que o alumnado participante ten que ilustrar algunha das pasaxes da historia de realismo máxico de Carlos Casares. Para ambos concursos establécense 5 categorías (3 en primaria e 2 en secundaria) con dous premios por categoría. Os primeiros premiados de cada categoría recibirán un diploma e un vale de 125 euros para gastar en librerías de Xinzo de Limia. Os segundos premiados, ademais do diploma, tamén obterán un vale de 75 euros para gastar nas librerías. O prazo vai do 3 de febreiro ao 7 de maio. A entrega realizarase durante os actos de celebración do Día das Letras Galegas no concello de Xinzo, o 17 de maio.
ENLACES:
– Bases do VII Concurso “Unha cuberta para… As Cantareiras”
– Bases do VII Concurso de debuxos Carlos Casares