Durante este mes, a Fundación Carlos Casares vén desenvolvendo unha intensa actividade cultural: exposicións, galas, concursos, eventos que mesturan o literario, gastronómico e artístico, xornadas especializadas en xornalismo literario…

EXPOSICIÓNS POLA PROVINCIA DE PONTEVEDRA PARA O PÚBLICO ESCOLAR
Durante o mes de abril, a Fundación Carlos Casares prosegue coa súa oferta gratuíta de mostras e exposicións a centros escolares. O IES Illa San Simón (Redondela) acolleu na súa biblioteca a exposición “Sorrisos por un mundo. O humor en Carlos Casares”, que xa estivera no IES Barral en marzo e que continuará a súa andaina a finais de abril no IES Frei Martín Sarmiento. A mostra realiza un percorrido polo fenómeno humano universal do humor, coas súas diferentes vertentes culturais. Analízase este fenómeno dende as súas diversas perspectivas (biolóxica, lingüística, histórica e cultural), para pasar a analizar despois a historia do humor en Galicia e, finalmente, na obra e na figura de Carlos Casares.

NIGRÁN: CONCURSO DE RELATOS E III GALA CARLOS CASARES NO CAMIÑO DAS ARTES
Auspiciado e coa estreita colaboración do Concello de Nigrán, este sábado 12 de abril ás 18 horas fallarse a terceira edición do premio de relato Carlos Casares de Nigrán dentro dunha gala multitudinaria. Organizado por Carlos Ares, secretario da Fundación Carlos Casares, no concurso participaron case 40 estudantes de primaria dos centros escolares do concello, con obras de moi alta calidade. O evento, que terá lugar no Auditorio Municipal de Nigrán, será conducido por Marina Sánchez (Canal Cultura), e contaremos coa “Banda Xuvenil da Agrupación Musical de Vincios”, formada polo alumnado da escola da agrupación: 40 intérpretes de entre 13 e 17 anos, dirixidos por María García Bustos, excepcional fagotista. Tamén actuará a “Orquestra de Camarote”, que combina música en directo, teatro e narración para crear espectáculos únicos e cheos de emoción. Viaxes e sorpresas pola Galicia das lendas. Cancións e historias inesquecibles. Son Lara Villaverde, Moisés Lorenzo e Anxo Morales, e veñen d’O Porriño. Por último, contaremos coa participación de “Polo Correo do Vento”, un colectivo especialista en desenvolver funcións onde o texto, a música e a ilustración lévante de viaxe pola cultura galega. Son Enrique Mauricio, Carlos Taboada e Antón Ke, e chegan desde Pontevedra.

PADRÓN: XORNADA DE XORNALISMO LITERARIO
Un día antes, o venres 11 de abril, entre as 10 e as 14 horas terán lugar as I Xornadas Periodismo e Literatura de Onte e Hoxe. A Fundación Carlos Casares colabora, xunto co Fundación Torrente Ballester e a Fundación Pública Galega Camilo José Cela. No seu programa participarán Ernesto Sánchez Pombo, Olivia Rodríguez, Ramón Rozas, Antonio Ponte Far, Diego Ameixeiras, Elena Gallego e Pedro Feijoo, e abordarase tanto o xornalismo e a literatura das figuras de Cela, Casares e Torrente, como as novas perspectivas do século XXI. Pódese consultar neste enlace o programa.

VIGO: “MUTACIÓNS”. LITERATURA, GASTRONOMÍA, CULTURA E ARTE EN FUSIÓN TRANSVERSAL
O espazo MUTA de Vigo acolleu en abril a quinta sesión de “MUTACIÓNS. Alén da norma”, baixo o lema “A cidade plástica”. Coma sempre, breves textos de Carlos Casares deron paso a un engarce sutil de dúas características que nos fan humanos: a cidade e a cociña, que foron abordados a través da arte plástica de Ash Santos e a pericia gastronómica de Begoña Vázquez.
Begoña Vázquez, chef do restaurante Regueiro da Cova (Verín) e da taberna Sousón (Monterrei), ofreceunos unha mostra da súa cociña, baseada nos produtos da terra e a tradición da fermosa comarca ourensá. Begoña Vazquez foi premiada como a e Cociñeira Galega do Ano no Galicia Fórum Gastronómico, que resalta a excelencia nos cociñeiros emerxentes que usan produtos de proximidade e aprecian a xestión ecolóxica da produción agroalimentaria.
Alberto Ash Santos, pintor, graduado en Belas Artes e Maxisterio na Universidade de Vigo, ten exposto a súa obra en Los Ángeles (California, EUA), Viena (Austria), e Kuwait. Expresa unha arte enraizada nas culturas urbanas do graffiti, o skate e a estética punk. Como deseñador, destacan tamén os seus traballos para Volcom Clothing, que aparecen en series populares de TV como Modern Family e Silicon Valley. Durante a sesión o artista creou unha obra orixinal inspirada en textos de Carlos Casares.