
Entre 2002 e 2017, o Liceo de Ourense e a Fundación Carlos Casares convocaron o premio de microrrelatos Carlos Casares. Seguindo co espírito deste premio, as dúas entidades, en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, retomaron en 2024 o concurso co obxectivo de potenciar a lingua e a cultura galegas na creatividade da escrita da xente nova, así como fomentar o seu uso nos hábitos de lectura, sempre coa intención de que o galego ocupe un espazo relevante nos seus períodos formativos e que forme parte esencial dos seus crecementos educacionais.
O premio está dirixido ao alumnado oficialmente matriculado nos centros de ensino post-obrigatorio de Bacharelato e Ciclos de Grao Medio e Superior de toda a provincia de Ourense no curso 2025-2026. O prazo de entrega das obras comeza o 15 de setembro de 2025, finalizando o 14 de novembro, outorgando así un período de 2 meses.
As obras recibidas serán avaliadas, como na edición de 2024, por un xurado composto por membros das entidades organizadoras, dos organismos patrocinadores, un perfil de profesorado dun centro de ensino de Ourense e dun escritor ou escritora da provincia. Teranse en conta criterios de creatividade e calidade técnica. O tema é libre.
GALA DE ENTREGA DE PREMIOS
Tras a validación do xurado, a entrega de premios realizarase mediante un evento con actuacións escénico-musicais, co fin de darlles protagonismo ás persoas premiadas. A gala terá lugar o vindeiro sábado 29 de novembro de 2025 ás 18.30 horas no salón de actos do Liceo de Ourense.
Enlace: Bases do Premio “Carlos Casares” de Microrrelato para o ano 2025
















