A Fundación Carlos Casares desenvolverá os días 7, 8 e 9 de outubro a sétima edición das “Xornadas Videoxogo e Literatura. Unha mirada transversal” na galería A3 do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO). Iniciada en 2019, o evento pretende analizar o universo do lecer interactivo dende unha perspectiva diferente e alternativa, pero dándolle protagonismo á industria do videoxogo como un sector de gran potencialidade para a cultura en Galicia. O evento está organizado pola Fundación Carlos Casares en colaboración co MARCO e grazas ao patrocinio do Concello de Vigo, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia.

Neste sentido, desenvolveranse charlas, faladoiros, mesas redondas, presentacións, talleres e obradoiros e tamén exposicións. Todo concentrado en tres xornadas co obxectivo de que a cidadanía interesada poida acudir ata completar aforo a un espazo privilexiado.

Entre as persoas que participarán este ano contaremos con profesionais da literatura e narrativa (Inés Alcolea, Antonio Gil, David Gago, Pedro Meira ou Luis Miguel Nández), do sector das industrias creativas e culturais relacionados co lecer interactivo (Camilo Franco, Byron Caparrós, Concepción González, José Raluy, Iago Domínguez, Ana Beatriz Sánchez ou Fátima G. Doval), do desenvolvemento de videoxogos (Carolina Nickele, Silvia Fernández, Cristina Barreiro ou José Carlos Montero), e artistas doutras disciplinas, como o compositor Denis Siks ou o artista Juan Carlos Abraldes.

Como actividade externa, baixo o título “Bit a Bit. A evolución dos videoxogos”, entre o martes 7 e o venres 10 de outubro desenvolverase un taller para centros escolares durante as mañás e talleres familiares e exposición durante as tardes no Espazo Anexo do MARCO. Trátase dunha exposición sobre videoxogos centrados nos 16 e nos 32 bits, as consolas que moldearon esas xeracións e talleres guiados, así como a oportunidade de poder coñecer e xogar os videoxogos retro desa época.

Enlace: Páxina web das “Xornadas Videoxogo e Literatura. Unha mirada transversal”

Enlace: Programa das Xornadas e cartel anunciador

Enlace: Información accesible das Xornadas