A promoción da lingua galega en novas esferas culturais e nas novas xeracións é un dos obxectivos da Fundación Carlos Casares. Aproveitando a itinerancia da exposición “Sorrisos por un mundo”, que percorreu as provincias de Pontevedra e da Coruña, a Fundación Carlos Casares pon en marcha dúas iniciativas relacionadas co humor e coa nosa lingua. Un concurso escolar de “memes” para promocionar o galego e unha “Game Jam” en galego co humor como eixe fundamental. Esta iniciativa conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e a Deputación da Coruña.
CONCURSO ESCOLAR DE MEMES “DENDE O GALEGO, CON HUMOR” CON PREMIOS
Do 20 de novembro ao 15 de decembro, os escolares de toda Galicia de ESO e Bacharelato poderán enviar as súas propostas ao correo info@fundacioncarloscasares.org co asunto “CONCURSO ESCOLAR DE MEMES”. No correo remitirán o meme creado por eles, o seu nome e os datos de contacto dun pai/nai/titor para contactar en caso de resultar premiado. Valorarase o enxeño, o uso da retranca, aspectos culturais e patrimoniais, a promoción no uso do galego e outros aspectos artísticos. O xurado estará composto por unha persoa profesional da cultura do ámbito artístico, persoal docente e unha persoa responsable da Fundación Carlos Casares. Os premios consistirán en vales para mercar material escolar e libros en librerías locais.
Enlace: Bases do Concurso escolar de memes “Dende o galego, con humor”
GAME JAM “DENDE O GALEGO, CON HUMOR”, CON MÁIS DE 500 EUROS DE PREMIOS EN METÁLICO
Como continuación da Game Jam que a Fundación Carlos Casares desenvolveu en 2020, organízase esta nova edición en 2025, que transcorrerá do venres 5 ao venres 12 de decembro. O humor será un dos eixes centrais, e o tema será revelado o venres 5 de decembro ás 8.00 horas. As persoas ou equipos que participen terán unha semana para crear un prototipo xogable de videoxogo onde o humor, o deseño narrativo e o tema sorpresa serán claves para facerse con un dos 3 premios dispoñibles. O primeiro proxecto gañador levará 300 euros en metálico, o segundo 150 euros e un terceiro que poderá levar 75 euros.
















