Este ano dividimos o “Coordenadas” (Diálogos Literarios da Fundación Carlos Casares) en dúas partes, co gallo de acadar máis territorio, más xente, e consolidar a súa vocación nómada. Así, despois da primeira parte celebrada no marco da SELIC, o pasado 7 de outubro, coa estrea do videoensaio dedicado á poeta Luz Pichel, ímonos a Betanzos o 23 de decembro. A sesión será ás 19:00h na Salón Azul do Edificio Liceo Arquivo do Antigo Reino de Galicia, na Praza de Galicia nº 1, de Betanzos.
“A memoria das cousas II” organízase como unha velada literario-musical ao redor do que, como humanos, máis nos une. A sesión consistirá na lectura dun texto literario creado titulado Música e palabras, obra de Xesús Fraga, intercalado pola interpretación de pezas musicais do repertorio do Dúo Abril.

Xesús Fraga é xornalista e escritor cunha traxectoria marcada pola dualidade cultural entre Galicia e o Reino Unido. Redactor en La Voz de Galicia dende 1996, cultivou diversos xéneros como a narrativa, o ensaio e a literatura infantil e xuvenil. A súa obra máis senlleira, Virtudes (e misterios), valeulle o Premio Nacional de Narrativa 2021 e o Premio Blanco Amor, consolidándoo como unha voz fundamental para entender a memoria da emigración galega. Ademais da súa faceta creativa, destaca como tradutor de grandes figuras internacionais (Nabokov, Barnes, Plath), tendendo pontes literarias entre distintas linguas e culturas.

Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (violín e voz) integran Dúo Abril, no que melodías tradicionais galegas e ibéricas son adaptadas a sonoridades actuais con certa intimidade, personalidade e frescura. Un microcosmos folclórico no que as identidades converxen e crean comunidade.