Na procura de novas formas de creación cultural na entre os escolares de Secundaria e Bacharelato, e co obxectivo posto na dinamización da lingua galega en novos eidos e perspectivas, a Fundación Carlos Casares organizou do 20 de novembro ao 15 de decembro un concurso de creación de memes polo galego, patrocinada pola Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e a Deputación da Coruña. Baixo o título “Dende o galego, con humor“, presentáronse máis de 60 obras que exploraron diversas temáticas relacionadas coa convivencia cultural e lingüística do alumnado participante, amosando o seu singular punto de vista sobre o proceso de normalización lingüística do país. O xurado estivo composto polo debuxante de banda deseñada Cristian F. Caruncho, pola profesora de lingua galega Vanesa Touriño, polo profesor de plástica Eusebio Rivero e polo secretario da Fundación Carlos Casares (Carlos X. Ares).
O primeiro premio, dotado cun vale de 125 euros, para a compra de libros e material escolar nunha librería local, recaeu no meme creado por Uxía Rodríguez Vidal. O segundo premio foi entregado, ex aequo, a dúas obras cuxos gañadores recibirán cada un vale cada un de 75 euros para utilizar nunha librería local. Os gañadores foron Bruno Vázquez Pérez e Valeria González Alonso. O terceiro premio recaeu no meme creado por Iker Alonso Cid, por cuxa obra recibirá un vale de 50 euros.



UNHA COLECCIÓN DE MEMES SOBRANCEIRA
O xurado tivo en conta tamén outras obras de especial interese, magníficos memes de agudeza e calidade en prol de sinalar como a mocidade percibe o actual proceso do galego en Galicia. Entre eles destacaron as obras de Claudia Piñeiro, Dorian Rafael González, Martina Álvarez, León Fabeiro, Alba Fernández González, Claudia Berraqueiro, Lucía Ribal, Martina Barreiro, Patri Simón, Alicia Gómez, Youseff Ourchim, Nayara Fernández, Irene Martínez, Martín Gómez, etc. Pero, sen dúbida, a creatividade e orixinalidade de moitas das obras presentadas foi excepcional e recolleranse nunha pequena publicación dixital que se distribuirá en 2026 a todo o alumnado participante, a centros escolares, e a outras entidades de interese.














Enlace: Acta do xurado do concurso escolar de memes “Dende o galego, con humor”

















