A biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela acollerá do 6 ao 30 de abril unha dobre exposición relacionada coa figura de Carlos Casares. Por unha banda, no vestíbulo da biblioteca poderá visitarse a mostra “Sorrisos por un mundo. O humor en Carlos Casares”. A exposición quere botar algo de luz sobre os distintos aspectos do humor tratando de responder preguntas de enorme interese: Que é o humor? Onde nace? Como é o humor noutras culturas? Cantos tipos de humor existen? Para que serve? Cal é a historia do humor en Galicia? Por outra parte, a exposición afonda sobre o tratamento do humor na vida e obra literaria de Carlos Casares. O autor ourensán posuía un emotivo sentido do humor, dunha finura e sinxeleza nacidas da intelixencia e da paixón pola condición do ser humano para xerar historias, conectando coa fina retranca da oralidade que tan ben se lle daba. A exposición quere desmitificar a figura do escritor cunha mostra escollida de caricaturas, debuxos e fotografías onde, cada quen, poida botar un sorriso cómplice.Trátase dunha exposición na que…. Esta exposición é posible grazas ao patrocinio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.

Aproveitando as datas na que a exposición vai estar dispoñible ao público, a biblioteca colabora neste evento e contribúea difundir a obra máis humorística de Casaras, presente tanto nos textos infantís e xuvenís coma nos de adultos. Presentaranse, así, unha selección de textos nos que atoparemos un escritor irónico que utiliza o disparate e a fantasía tanto na ficción como no ensaio e acompañaranse os seus libros cos doutras autoras e autores como manifestación do humor escrito e debuxado en Galicia.

Enlace: Cartel anunciador

Enlace: Información accesible