A Fundación Carlos Casares, co patrocinio da Xunta de Galicia, a Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Concello de Celanova e a Deputación Provincial de Ourense, promove o XXII Curso de Verán de Extensión Universitaria (CeMAC 2026) “Audiovisual galego. Diversidade creativa”, unha nova achega na liña temática iniciada hai 22 anos co curso “Cine e literatura. Casares e o cine” (2004), e que veñen reunindo, no berce de Manuel Curros Enríquez, a cualificados especialistas e profesionais do sector para disertar ao redor das súas diferentes disciplinas.

Na oferta histórica do CeMAC, e xa consolidado como foro audiovisual de referencia en Galicia, pretendemos analizar a creación audiovisual en todas as súas variantes, soportes e formatos, substanciada nunha obra ou nun produto destinado a ser gozado e consumido polos públicos. Polo tanto, é obra colectiva, profesional, nun sector das industrias culturais e creativas con máis pulo de Galicia, e cunha suma de vontades ben coordinadas. Suma de vontades e suma de talentos.

O CeMAC 2026, desde a súa condición de curso universitario atento ao pulso conxuntural audiovisual do país en particular, e mesmo da sociedade en xeral con relación a cultura das imaxes e mesmo do seu consumo, afronta nesta edición un trazo singular que rematará por condicionar a evolución do sector galego. O CeMAC 2026 tamén analizará outros formatos, así como o proceso de consolidación do ecosistema audiovisual, do seu equilibrio industrial e creativo, e os pasos que se están a tomar para a súa normalización no país á marxe de soportes e formatos.

Participarán profesionais en diversos aspectos creativos (dirección, guión, produción, fotografía, traballo actoral,…) e vinculados/as ás industrias culturais, co fin de analizar a situación do sector e as novas posibilidades transversais de actuación. Ademais, o CeMAC conta con transporte e albergue gratuítos, cedidos pola UVigo e polo Concello de Celanova, para as persoas que se matriculen no curso. Igualmente, están previstas actividades adicionais que serán anunciadas proximamente.

O cariz deste curso radica na especialización que propón ao modelo de curso de verán, xuntando nun eido formativo a reflexión aberta e a práctica audiovisual, cunha nálise do sector audiovisual galego e as súas influencias na contorna española, galega e global.

Programa: XXII Curso de Medios Audiovisuais de Celanova – Programa

Cartel: Cartel CeMAC 2026

Esta actividade está patrocinada pola Xunta de Galicia