O vindeiro xoves 24 de setembro, o Peniche Living acollerá unha charla con degustación e viños de Bodegas Lodeiros. Conducida por Gustavo A. Garrido, a charla producirase tras a inauguración da exposición “Galicia Escandinava. O Camiño do Oeste a Santiago de Compostela“. A nosa entidade colabora, deste xeito, coa Fundación Peniche para organizar un evento aberto á cidadanía da cidade olívica e tamén aos inquilinos de Peniche Living, fortalecendo actividades culturais en espazos sociais. A reserva debe facerse en marketing@atendo.es e aínda quedan prazas!

Por outra parte, o auditorio da Biblioteca Pública de Lugo acollerá este sábado 26 de setembro en horario de mañá a xornada “Videoxogos e Educación“. Trátase dun pequeno encontro, organizado por Espiga, que permitirá coñecer algúns dos proxectos sobre videoxogos e educación. Na primeira parte coñeceranse experiencias persoais de profesionais dentro do sector. Na segunda parte amosaranse iniciativas dirixidas á mocidade que empregan os videoxogos como ferramentas para aprender, crear, expresarse e descubrir novas posibilidades profesionais.

Miguel Valverde participará por parte da Fundación Carlos Casares para presentar a súa proposta de Game Jam para escolares de Galicia, baixo o título “Píxeles con retranca”. A Game Jam englóbase no proxecto “Dende o galego, con humor”, que procura a dinamización e normalización do galego usando as expresións creativas da propia mocidade nun contexto de humor. O proxecto inclúe, entre outras actividades, a itinerancia da exposición “Sorrisos por un mundo. O humor en Carlos Casares“, o concurso escolar “Memes polo galego” e 2 game jams de videoxogos (unha para alumnado de ESO e Bacharelato e outra para maiores).