Manel Cráneo, Cristian F. Caruncho e Pío Barreiro participan este xoves, 8 de outubro, ás 17.00 h, na conversa «A banda deseñada en Galicia. Oportunidades e desafíos», que a Fundación Carlos Casares organiza dentro de Coordenadas 2026. Ao remate, os autores asinarán exemplares das súas obras.

Cando
Xoves 8 de outubro
17.00 h
Onde
Escenario da SELIC
Praza da Quintana, Santiago de Compostela
Entrada
Libre e de balde
Aberta ao público xeral
Ao remate
Sinatura de exemplares
no espazo da libraría Boulevar na SELIC
A Fundación Carlos Casares leva á Semana do Libro de Compostela (SELIC) unha conversa sobre o estado da banda deseñada en Galicia. Tres profesionais de tres xeracións distintas falarán do pasado, do presente e do futuro do medio no escenario da SELIC, na Praza da Quintana.
Os tres coñecen o sector dende posicións diferentes. Pío Barreiro abriu en 1987 Komic, a primeira libraría de Galicia especializada en cómic. Manel Cráneo publica banda deseñada dende comezos dos anos noventa e fundou Demo Editorial en 2009. Cristian F. Caruncho, nado en 1997, construíu boa parte da súa obra na autoedición.
Dende a creación, a edición e a venda, debaterán que oportunidades ten hoxe a banda deseñada en galego e que desafíos lle quedan por resolver, nunha conversa aberta ao público. Despois, Cristian F. Caruncho presentará o seu último libro, O día de San Martiño.
Os participantes
Manel Cráneo
A Coruña, 1973 · Autor e editor
Artista multidisciplinar, editor e produtor cultural. Publica banda deseñada e ilustración dende comezos dos anos noventa. En 2009 fundou Demo Editorial, selo especializado en banda deseñada en galego que hoxe ronda os 70 títulos. Dirixe a plataforma Coruña Gráfica dende 2015 e o festival Viñetas desde o Atlántico dende 2024. A súa obra máis recente é Cinza (Demo, 2024), adaptación a novela gráfica de A nosa cinza, de Xavier Alcalá.
Cristian F. Caruncho
Ortigueira, 1997 · Ilustrador e autor
Formado na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña, comezou no fanzine e na autoedición, cun humor propio e unha ollada centrada no rural galego. Publicou Grandarroiba (Demo, 2019) e Saínza. A punkiereteira (2022), con textos de María Canosa. En 2020 gañou o I Premio Carlos Casares-Kristina Berg ao talento creativo, promovido pola Fundación Carlos Casares e a Deputación de Ourense.
Foto: El Español
Pío Barreiro
Komic · Libreiro e guionista
Xosé Barreiro, «Pío», fundou en 1987, xunto con Ana Manteca, Komic, a primeira libraría de Galicia especializada en banda deseñada. Durante quince anos, Komic funcionou tamén como distribuidora para as librarías de cómic que foron abrindo no país. En 2012 coeditou con Demo Castelao. O pobre tolo, e en 2024 Pío debutou como guionista con Gloria. Todo é obra de artistas (Demo), debuxada por Lola Garcerá.
O día de San Martiño
Cristian F. Caruncho presentará na SELIC O día de San Martiño (autoedición, 2025), un western ambientado na aldea de Rego Torto, con porcos bravos bandoleiros, un novo sheriff de Medio Rural e ladróns de patacas. A obra gañou en 2023 o XVIII Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña, na modalidade LIX. Con preto de cen páxinas, é o libro máis extenso do autor.

Sobre Coordenadas
Coordenadas. Diálogos Literarios é o festival interdisciplinar que a Fundación Carlos Casares organiza en Santiago de Compostela dende 2021, vinculado á SELIC. Cada edición combina diálogos, lecturas con música en directo e a estrea dun videoensaio de homenaxe a un escritor en lingua galega. Bieito Iglesias, Helena Villar Janeiro, María Xosé Porteiro, Xavier Alcalá e Luz Pichel foron os homenaxeados das edicións anteriores.
Organizan
Fundación Carlos Casares · SELIC
Patrocinan
Deputación da Coruña · Concello de Santiago















