Axenda

Nov
13
Mér
Exposición “Sorrisos por un mundo” na sede de Vigo da Deputación de Pontevedra @ Sala Rosalía de Castro - Sede Vigo Deputación Pontevedra
Nov 13 – Nov 28 all-day

O humor é unha das mellores capacidades do ser humano. Para algúns autores é a maior mostra de intelixencia que existe. Serve de axuda nos momentos difíciles e comprometidos, é capaz de alegrarnos o día, resulta beneficioso para a saúde permítenos aprender e ensinar valiosas leccións. Coa exposición “Sorrisos por un mundo. Carlos Casares e o humor”, a Fundación Carlos Casares pretende explicar os distintos aspectos do humor, e achegarnos ás interpretacións e usos que adoitamos darlle en Galicia, así como noutras partes do mundo.

De maneira máis concreta, a mostra afonda tamén sobre o tratamento do humor na vida e na obra de Carlos Casares. Sabemos que o escritor posuía un fino sentido do humor; notámolo facilmente nos seus contos infantís, na súas novelas e relatos e, sobre todo, nos comentarios que verquía na súa columna “Á marxe” de La Voz de Galicia. É un humor sinxelo que nace da intelixencia e da paixón polo ser humano, polo gusto de contar historias, que envolvía coa fina retranca da oralidade daquel xeito que tan ben se lle daba. Incluímos tamén unha serie de caricaturas do escritor e fotografías onde o escritor aparece en situacións cómicas. Aproveitamos, de paso, para botar un sorriso cómplice.

ENLACE: “Sorrisos por un mundo. O humor en Carlos Casares” (sitio web da exposición)

Nov
21
Xov
MUTACIÓNS #2 – Alén da Norma @ Espazo MUTA
Nov 21 @ 8:00 PM – 9:30 PM

 

Este 21 de novembro ás 20 horas, o Espazo MUTA acollerá unha noite máxica onde a literatura de Carlos Casares cobrará nova vida a través da interpretación da alumna da ESAD Galicia, Sophia Fernández Ronaldo e da actriz Mariana Carballal.

A música será o fío condutor desta segunda sesión de “MutaCións: Alén da Norma”, co dúo Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (violín e voz), reinterprentando melodías tradicionais galegas cun toque contemporáneo. Tamén estarán no evento Bea Míguez Beutxi e Franc Gorriz, que presentarán en conxunto unha experimentación de voz e percusión creada especialmente para a ocasión.

O evento complementarase con viños da adega Alvaredos-Hobbs da Ribeira Sacra, xunto con petiscos para o público asistente, que completarán esta celebración dos sentidos.

“MUTACIÓNS: Alén da Norma” recibe a axuda das adegas participantes, así como da Secretaría Xeral de Lingua da Xunta de Galicia.

Nov
30
Sáb
Gala de entrega do Premio Literario “Carlos Casares” de microrrelato @ Salón Noble do Liceo de Ourense
Nov 30 @ 6:00 PM – 8:00 PM

O sábado 30 de novembro, ás 18 horas, o Salón Nobre do Liceo de Ourense acollerá a gala de entrega do Premio Literarios “Carlos Casares” de microrrelato. Ademais das tres persoas gañadoras dos premios, o público asistente poderá gozar coas actuacións da Banda Xuvenil da Agrupación Musical de Vincios, dirixida por María García Bustos; a actuación de danza de Luper Carballo; o dúo de clarinetistas Carrera; o teatro de Xérmola. Cantos e Contos; e o debuxo artístico de Xosé Poldras. Este evento multidisciplinar e transversal de artes e literatura será presentadopor Marina Sánchez, de Canal Cultura.

Este acto, organizado pola Fundación Carlos Casares e por Xosé Carlos Ares, está subvencionado pola Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e Caldaria, e conta co apoio do Liceo de Ourense.

Dec
3
Mar
Diálogos do Volter: “Ucraína: as guerras da memoria antes da guerra” @ Sala de tertulia. Liceo de Ourense
Dec 3 @ 7:30 PM – 8:30 PM

Volver as Conversas da Fundación Carlos Casares a Ourense. Baixo o título de Diálogos do Volter, a primeira conversa xirará ao redor do contexto histórico de Ucraína antes da guerra que está a vivir actualmente. Presentado e moderado por Serxio María Rodríguez Álvarez, profesor de Ciencias Políticas na Universidade de Vigo, o relator convidado será Xosé Manuel Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea na USC, que falará de “Ucraína: as guerras da memoria antes da guerra”.

A actividade, organizada pola Fundación Carlos Casares e o Liceo de Ourense, está patrocinado pola Xunta de Galicia e pola Deputación de Ourense.

Dec
5
Xov
Presentación do caderno de gravados “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas” @ Biblioteca Pública Municipal de Nigrán
Dec 5 @ 7:00 PM – 8:30 PM

O xoves 5 de decembro, ás 19 horas, a Fundación Carlos Casares e o Concello de Nigrán presentarán o caderno de gravados As laranxas máis laranxas de todas as laranxas. Intervirán o autor da obra, Xosé Poldras, doutor en Belas Artes; e mais José Ángel Cid, profesor do departamento de Matemáticas da Universidade de Vigo.

O interludio musical correrá a cargo do Grupo de Cámara da Agrupación Musical de Vincios. A Deputación de Pontevedra subvencionará a actuación dentro do seu programa Culturea.