Axenda

Set
24
Xov
Exposición “Sorrisos por un mundo” no IES Rego de Trabe (Culleredo) @ IES Rego de Trabe
Set 24 @ 10:49 AM – Out 6 @ 11:49 AM

O humor é unha das mellores capacidades do ser humano. Para algúns autores é a maior mostra de intelixencia que existe. Serve de axuda nos momentos difíciles e comprometidos, é capaz de alegrarnos o día, resulta beneficioso para a saúde permítenos aprender e ensinar valiosas leccións. Coa exposición “Sorrisos por un mundo. Carlos Casares e o humor”, a Fundación Carlos Casares pretende explicar os distintos aspectos do humor, e achegarnos ás interpretacións e usos que adoitamos darlle en Galicia, así como noutras partes do mundo.

De maneira máis concreta, a mostra afonda tamén sobre o tratamento do humor na vida e na obra de Carlos Casares. Sabemos que o escritor posuía un fino sentido do humor; notámolo facilmente nos seus contos infantís, na súas novelas e relatos e, sobre todo, nos comentarios que verquía na súa columna “Á marxe” de La Voz de Galicia. É un humor sinxelo que nace da intelixencia e da paixón polo ser humano, polo gusto de contar historias, que envolvía coa fina retranca da oralidade daquel xeito que tan ben se lle daba. Incluímos tamén unha serie de caricaturas do escritor e fotografías onde o escritor aparece en situacións cómicas. Aproveitamos, de paso, para botar un sorriso cómplice.

ENLACE: “Sorrisos por un mundo. O humor en Carlos Casares” (sitio web da exposición)

Exposición “Galicia Escandinava” e charla gastronómica @ Peniche Living
Set 24 @ 5:00 PM – 6:30 PM

O Peniche Living acollerá unha charla con degustación e viños de Bodegas Lodeiros. Conducida por Gustavo A. Garrido, a charla producirase tras a inauguración da exposición “Galicia Escandinava. O Camiño do Oeste a Santiago de Compostela“, que se poderá visitar durante unha semana tras o evento. A nosa entidade colabora, deste xeito, coa Fundación Peniche para organizar un evento aberto á cidadanía da cidade olívica e tamén aos inquilinos de Peniche Living, fortalecendo actividades culturais en espazos sociais.

A charla versará sobre o Camiño de Santiago, e sobre as peregrinacións e os peregrinos, acompañados por bocados e bebida, amenizando cada unha das intervencións na charla.

O evento é gratuíto ata finalizar as prazas. A reserva debe facerse en marketing@atendo.es e aínda quedan algunhas prazas!

Set
26
Sáb
Charla “Videoxogos e educación” en Lugo @ Biblioteca Pública de Lugo
Set 26 @ 10:15 AM – 2:00 PM

A xornada, organizada por Espiga, permitirá coñecer algúns dos proxectos sobre videoxogos e educación. Na primeira parte amosaranse experiencias persoais de profesionais dentro do sector. Na segunda parte presentaranse iniciativas dirixidas á mocidade que empregan os videoxogos como ferramentas para aprender, crear, expresarse e descubrir novas posibilidades profesionais.

Miguel Valverde participará por parte da Fundación Carlos Casares para presentar a súa proposta de Game Jam para escolares de Galicia, baixo o título “Píxeles con retranca”. A Game Jam englóbase no proxecto “Dende o galego, con humor”, que procura a dinamización e normalización do galego usando as expresións creativas da propia mocidade nun contexto de humor. O proxecto inclúe, entre outras actividades, a itinerancia da exposición “Sorrisos por un mundo. O humor en Carlos Casares“, o concurso escolar “Memes polo galego” e 2 game jams de videoxogos (unha para alumnado de ESO e Bacharelato e outra para maiores).