O Peniche Living acollerá unha charla con degustación e viños de Bodegas Lodeiros. Conducida por Gustavo A. Garrido, a charla producirase tras a inauguración da exposición “Galicia Escandinava. O Camiño do Oeste a Santiago de Compostela“, que se poderá visitar durante unha semana tras o evento. A nosa entidade colabora, deste xeito, coa Fundación Peniche para organizar un evento aberto á cidadanía da cidade olívica e tamén aos inquilinos de Peniche Living, fortalecendo actividades culturais en espazos sociais.
A charla versará sobre o Camiño de Santiago, e sobre as peregrinacións e os peregrinos, acompañados por bocados e bebida, amenizando cada unha das intervencións na charla.
O evento é gratuíto ata finalizar as prazas. A reserva debe facerse en marketing@atendo.es e aínda quedan algunhas prazas!

A xornada, organizada por Espiga, permitirá coñecer algúns dos proxectos sobre videoxogos e educación. Na primeira parte amosaranse experiencias persoais de profesionais dentro do sector. Na segunda parte presentaranse iniciativas dirixidas á mocidade que empregan os videoxogos como ferramentas para aprender, crear, expresarse e descubrir novas posibilidades profesionais.
Miguel Valverde participará por parte da Fundación Carlos Casares para presentar a súa proposta de Game Jam para escolares de Galicia, baixo o título “Píxeles con retranca”. A Game Jam englóbase no proxecto “Dende o galego, con humor”, que procura a dinamización e normalización do galego usando as expresións creativas da propia mocidade nun contexto de humor. O proxecto inclúe, entre outras actividades, a itinerancia da exposición “Sorrisos por un mundo. O humor en Carlos Casares“, o concurso escolar “Memes polo galego” e 2 game jams de videoxogos (unha para alumnado de ESO e Bacharelato e outra para maiores).















