FESTIVAL COORDENADAS 2024

QUE É?

COORDENADAS é un festival artístico-literario para Santiago de Compostela, que bebe no ronsel dos Diálogos Literarios clásicos da Fundación Carlos Casares, realizados desde 2004 a 2012 entre Mariñán (Bergondo) e Santiago de Compostela.

COORDENADAS 2024 é posible en especial grazas ao Concello de Santiago de Compostela, co seu apoio ao proxecto dende o primeiro momento. Tamén da Deputación da Coruña polo esforzo en prol da promoción e difusión da cultura galega no contexto actual. E, por suposto, á SELIC - Semana do Libro de Compostela, que xenerosamente cede espazo ao evento. Nese ano, baixo o título "Remos na auga, sons de ribeira", o Festival Coordenadas afondará na relación da literatura e as viaxes, o mar e a plasticidade e sons que esa mestura engloba, no tempo e mais no espazo. A cuarta edición continuará a senda aberta en 2022, mesturando disciplinas artísticas que dialogarán coa literatura, como o audiovisual, as artes escénicas e a música. Ao abeiro da SELIC, sairemos á rúa para darlle unha maior difusión, chegando deste xeito a un número maior de público.

INFORMACIÓN

Datas: mércores 12 de xuño de 2024
Lugar: Praza da Quintana (Santiago de Compostela).
Programa: Festival Coordenadas 2024. "Remos na auga, sons de ribeira"


COORDENADAS. EDICIÓN DE 2023 


COORDENADAS 2023 foi posible en especial grazas ao Concello de Santiago de Compostela, co seu apoio ao proxecto dende o primeiro momento. Tamén da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia polo esforzo en prol da promoción e difusión da cultura galega no contexto actual. E, por suposto, á SELIC - Semana do Libro de Compostela, que xenerosamente cede espazo ao evento e o incorpora no seu programa. Nese ano, baixo o título "De luares e menceres" (baseado nun verso de Álvaro Cunqueiro), profundizamos na relación da literatura galega coas do resto do mundo, no tempo e mais no espazo. A terceira edición continuou a senda da oralidade aberta en 2022, e visitou outros fisterres, mesturando disciplinas artísticas que dialogaron coa literatura, como o audiovisual, as artes escénicas e a música. Ao abeiro da SELIC saímos á rúa para darlle unha maior difusión, chegando deste xeito a un número maior de público.

INFORMACIÓN

Datas: 13 de xuño de 2023
Lugar: Praza da Quintana (Santiago de Compostela).
Programa: Coordenadas 2023. "De luares e menceres"  (pódese consultar aquí tamén a versión en castelán do programa)

VÍDEOS DOS DIÁLOGOS

Diálogo 1. María Xosé Porteiro: as letras na maleta (Videoensaio de Ricardo Araújo e Laura Guizán; faladoiro con María Xosé Porteiro, Llerena Perozo e Alberto Avendaño)

Diálogo 2. Ecos doutros Fisterres: os Decimeros no Pacífico colombiano. (con Mauricio Chaves e Carlos Rodríguez "Kongo Kimbiza")

Diálogo 3. A vida galante en Álvaro Cunqueiro (con Inma López Silva, Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras)

PARTICIPANTES

- María Xosé Porteiro (Madrid, 1952).- Xornalista de profesión, criouse na Habana (Cuba) e reside en Vigo (Pontevedra). Desenvolveu a súa carreira en prensa escrita, radio e TV, tamén na comunicación corporativa. Entre 1987 e 2003 participou en política, conseguindo representación nos eidos municipal, autonómico e estatal, realizando diversas encomendas de ámbito internacional en Oriente Medio, Europa e América. Como activista cultural participou no movemento asociativo; foi membro do Consello da Cultura Galega e directora do Museo do Ferrocarril de Delicias-Madrid. Dende 2019 é adxunta á Valedora do Pobo. Iniciose na novela con Covardes (2001), afirmándose con Sándalo (2012), Buscando a Clara (2019) , Novelas para Xulia (2020) e Tabiba (2023).

- Llerena Perozo Porteiro (Vigo, 1974).- Especialista en Comunicación e Xénero, foi directora de Versátil Servizos Editoriais e do seu selo Auga Editora entre 2014 e 2020.  Previamente desempeñou traballos de creación e xestión de proxectos socioculturais para a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e Teatro de Papel Producciones, entre outras, e dirixiu a comunicación de Brincadeira Fest. Publicou dous libros de divulgación sobre igualdade e ecoloxía, varios libros destinados ao público infantil e xuvenil e a súa primeira novela, Pérez. Historia dun triunfo, coa editorial Galaxia en novembro de 2021. Colaboradora habitual en prensa, radio e TV., na actualidade reside en Silleda, onde desenvolve con Andrés Duro o espazo de agrocultura A Gargalleira.

- Alberto Avendaño (Vigo, 1957).- Xornalista e escritor, licenciose en Filoloxía xermánica na USC e mais en Xornalismo na Texas Tech Univ. (Lubbock, Texas). Traballou na RTVG conducindo noticiarios e magazines ata 1991, cando marchou aos EUA. Alí foi Lector de Español na John Hopkins Univ. (Baltimore, Maryland) e director de El Tiempo Latino dende 2000, onde continuou como CEO despois de que o Washington Post comprara o medio. Tres dos programas que dirixiu Avendaño recibiron senllos premios Emmy. Como escritor, fundara en 1976 o Grupo Rompente con Manuel R. Romón e Antón Reixa. Entre as súas últimas obras resaltamos Maasai: Unha historia de vida en Africa (2017) e Caosmos (2022). Tamén ten traducido a E.A. Poe e Roald Dahl entre outros.

- Ricardo Araújo (Ourense, 1996).- Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é creador audiovisual. Ten dirixido dous proxectos de ficción: a curtametraxe Estatus (2018) e a serie web @Destapando_Casares (2020). Tamén saíron da súa man os videoensaios Bieito Iglesias. Unha vida en palabras (2021) e mais Helena Villar Janeiro. Toda unha vida (2022), este último en coautoría con Laura Guizán, estreados nas anteriores edicións de Coordenadas. Ten dado aulas de Guión, produción e realización de programas de ficción na Facultade de Comunicación de Pontevedra, e realizado traballos para a Fundación Matrix. Ademais de programar para o OUFF, Ourense Film Festival, na actualidade combina a creación audiovisual coa comunicación no seu estudo, Konta.

- Laura Guizán (Vigo, 1998).- Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é coordinadora e programadora de OUFF en Curto, no Ourense Film Festival. Ten dirixido dúas curtametraxes: o documental Cuncas, seleccionado en 2020 no Festival Suroscopia de Granada, e mais a peza de ficción Nosotros y yo (2019). Xunto con Ricardo Araújo dirixiu o videoensaio Helena Villar Janeiro. Toda unha vida (2022). Ten realizado traballos de fotografía e vídeo para a Ourense Film Commission e mais a Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade adícase, ademais de á creación audiovisual, á comunicación e mais á edición de vídeo.

- Kongo Kimbiza (Tumaco, 1971).- Carlos Rodríguez Castillo, 'El Diablo', naceu na ribeira sur do Pacífico colombiano. Conservador da tradición oral e poeta de oficio, cultivador da décima cimarrona, leva máis de 30 anos narrando o diario acontecer da rexión do Pacifico Sur de Colombia. Mestre da palabra rimada, Tallador y Custodio da Décima Cimarrona investiga a poética afropazífika daquel fisterre. Sobre tradición oral ten publicado:  Tres dedos de espanto y una mano de mal de ojos”. Mitos y Leyendas del Pacifico (2000); Bajo el sol de las tres letras”. Décimas de la Manglería (2002); Trayectos de la Palabra (2004), e T - Positivo (2021). Coautor del Maletín de Relatos Pacíficos (2017).

- Mauricio Chaves Bustos (Ipiales, 1969).- Licenciado en Filosofía e Letras e Dereito, escritor e, na actualidade, presidente do Consello Departamental de Cultura de Nariño (Colombia). É, tamén, experto Facilitador en procesos de diálogo para la paz. Como escritor, practica a poesía, o relato e mais o ensaio. Entre os seus libros salientamos El Vuelo del Kinde (2013); Rimas Crepusculares, poesía de Florentino Bustos (2017); Liturgia del Amor, oraciones profanas para amantes profanos (2018) e, ultimamente, En el litoral recóndito (2021). Ten recollido premios en diversos concursos, como o Internacional de microrrelatos Avatares; Interuniversiario de Poesía La Salle; Nacional de Cuento Neriano, Internacional de relatos Benito Pérez Galdós ou Relato da Alcaldía Mayor de Bogotá.

- Inma López Silva (Santiago de Compostela, 1978).-  Doutora en Filoloxía Galega pola USC, é profesora de Teoría e Historia das Artes Escénicas na ESADg, Escola de Arte Dramática de Galicia. Como escritora, cultiva a novela e o ensaio, tendo publicado máis dunha ducia de títulos, dende Neve en abril (1996), coa que conseguiu o seu primeiro galardón, ata Escola de mulleres (2023). Traduciu ao galego a Albert Camus (Calígula. O malentendido) e mais a Jean Genet (As criadas. O balcón). Recibiu os premios Xerais (1998), Manuel Murguía (2005), Losada Diéguez (2017) e da Crítica de narrativa galega (2020), entre outros. Colabora habitualmente no xornal La Voz de Galicia e nas revistas Citania e Grial.

- Antía Ameixeiras (Soesto, 1993).- Graduada en violín no Conservatorio de Carballo, e mais en Comunicación Audiovisual na USC, especializouse en violín tradicional en A Central Folque (Santiago). Despois de estadías en Praga, Bulgaria e Francia, recibe en 2015 a Beca de Excelencia Artística Afundación, para una xira polos EUA con Carlos Núñez. Participou con Carlos Núñez no filme La jota, de Carlos Saura, e en proxectos con Kepa Junkera, Luar na Lubre, Sergio Tannus e Samarúas. No 2019 gravou o seu primeiro álbum co trío de músicas do mundo Oîma,. Tamén ten compartido escenario con músicos da talla de Gustavo Santaolalla, Jordi Savall e Hespèrion XXI, Dan Ar Braz,  Ceumar o Uxía Senlle.

- Sabela Caamaño (Oza dos Ríos, 1990).- Profesora no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, é titulada superior en Acordeón, Pedagoxía da Linguaxe Musical e Piano. Como pianista, destaca a súa gravación da banda sonora do filme Elisa e Marcela (2018) de Isabel Coixet. Como acordeonista ten recollido diverso premios, como o 2º premio no IV International Folk Instrument Festival Competition en San Petersburgo (Rusia), ou senllos primeiros premios na categoría Junior Varieté nos certames Nacional e Ibérico de Acordeón. Ademais do seu proxecto máis persoal, dúo Caamaño&Ameixeiras, colabora con outros músicos regularmente, formando parte do trío Quinta San Vitorio, xunto a Pedro Lamas e Sofía Portugal, e da Europejska Orkiestra, dirixida por Roberto Somoza.

 

PATROCINADORES DE COORDENADAS

 

 

 

 

EDICIÓNS ANTERIORES DE COORDENADAS

> Coordenadas 2022

> Coordenadas 2021

VIDEOENSAIOS DE HOMENAXE

PROGRAMA 2024

GUÍA ACCESIBLE

Grazas á webapp CIMA (Cultural Information Made Accessible) do proxecto europeo ALLURE, pódese consultar unha breve guía accesible sobre o evento.