Esta pequena mostra, pertencente aos fondos da Fundación Carlos Casares, dá unha serie de pinceladas sobre a proxección internacional de Carlos Casares ao longo da súa vida. Dende a visión dun mundo radicalmente distinto como a Suecia de 1972, a desilusión da Europa comunista de principios da década de 1980, ata os contactos con outras linguas e literaturas a través dos hispanistas dos Centros de Estudos Galegos e da Asociación Internacional de Estudos Galegos. Participa en numerosos encontros: París, Baltimore, Chicago, Providence, Montreal, Toronto, La Habana, Santiago de Chile, Bos Aires… As súas viaxes tamén o levan a percorrer múltiples cidades europeas, e o colofón á súa vida é o Expreso da Literatura, do ano 2000.
Exposición inserida nos actos de homenaxe ao escritor ourensán durante todo o mes de maio na Escola Oficial de Idiomas de Vigo.