Av Infanta Elena
s/n
Lugo
O Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) acolle do 29 de novembro ao 26 de decembro a exposición principal das Letras Galegas 2017 dedicada a Carlos Casares (1941-2002), na que se fai un percorrido pola vida e obra do escritor ourensán, atendendo ás súas principais creacións pero tamén ás súas relacións de amizade e familiares, as súas múltiples afeccións e o seu incansable activismo cultural en favor do galego e das artes. A inauguración terá lugar ás 19 h no edificio Sarmiento.
Está comisariada por Gustavo Adolfo Garrido (secretario da Fundación) e Chus Martínez Domínguez, e conta cunha novidosa proposta expositiva do estudo coruñés Creus e Carrasco.
Organízase a través de cinco etapas nas que se expoñen imaxes de referencia, obxectos e textos. A primeira etapa, “Paisaxes”, recolle desde os primeiros anos en Xinzo ata a saída do Seminario Menor de Ourense. Os lugares da infancia, os amigos, os comezos literarios, o contacto con Antón Tovar, Vicente Risco e os artistas, Xaime Quessada, Acisclo Manzano, Xosé Luís de Dios, Buciños, etc.
A segunda etapa, “Luzadas”, achéganos á etapa universitaria, o mundo compostelán, a loita estudantil, os primeiros pasos de profesor en Ourense, Viana do Bolo e Bilbao. É unha etapa con trasfondo político e literario (ADE, FeLiPE, a conquista do SEU, o contacto con Ramón Piñeiro, o Concilio Vaticano II, Raimon en Compostela…).
A terceira etapa, “A viaxe”, está protagonizada primeiramente por Kristina Berg e a inmersión na sociedade sueca. Relata as primeiras viaxes do escritor galego por Europa. Os inicios do xornalismo literario, o abrazo socialdemócrata, a entrada na Real Academia Galega e a súa madurez literaria xunto cos seus galardóns por obras como Xoguetes para un tempo prohibido ou Ilustrísima.
A cuarta etapa, “Conviña”, descóbrenos a época do compromiso político no Parlamento galego; os inicios da plasmación do programa de Ramón Piñeiro. A consolidación dun escritor e o nacemento dun editor. A viaxe á URSS e o papel de mediador cultural da literatura galega.
Por último, a quinta etapa, “O redondel”, recolle a madurez dun novelista e a conquista da popularidade no xornalismo literario; a presidencia do Consello da Cultura Galega e a participación en cenáculos e fundacións españolas; o traballo na Academia, o impulso da Arte Contemporánea, o Teatro e o Audiovisual. A viaxe no Expreso da Literatura e a partida final.