When:
4 Xullo, 2017 – 7 Xullo, 2017 all-day
2017-07-04T00:00:00+02:00
2017-07-08T00:00:00+02:00
Where:
Auditorio Municipal Ilduara de Celanova (AMIC)
Rúa do Cercado
25, 32800 Celanova
Ourense
Cost:
50

A Fundación Carlos Casares, coa Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Concello de Celanova, a Deputación Provincial de Ourense, e coa colaboración do AGADIC, promove o XIV Curso de Verán de Extensión Universitaria “A obra audiovisual. Suma de talentos”, unha nova achega na liña temática iniciada hai catorce anos co curso “Cine e literatura. Casares e o cine”, e que veñen reunindo no berce de Manuel Curros Enríquez a cualificados especialistas e profesionais do sector para disertar ao redor das súas diferentes disciplinas.

Na oferta histórica do CeMAC, nunha andaina frutífera que iniciamos en 2004, e xa consolidado como foro audiovisual de referencia en Galicia, pretendemos analizar a creación audiovisual en todas as súas variantes, soportes e formatos, substanciada nunha obra ou nun produto destinado a ser gozado e consumido polos receptores. Polo tanto, é obra colectiva, unha suma de vontades ben coordinadas. Suma de vontades e suma de talentos.

O CeMAC2017 centrarase en coñecer e analizar as singularidades que suman para o resultado final. Despois do visionado dun filme, toca saber das circunstancias das diferentes achegas, desde a preprodución á presentación en sociedade. O guión, a produción e o seu deseño, a dirección, o reparto, a fotografía, a iluminación, a montaxe, a música… Finalmente, o resultado: o filme.

Respectando o seu carácter multidisciplinar, O CeMAC2017 tamén quere poñer o foco nunha das modalidades audiovisuais que actualmente máis se achegan á excepción na norma do audiovisual como obra colectiva: Youtube e os youtubeiros. Un mundo apaixonante que ben merece unha reflexión. Finalmente, a xeito de colofón, recuperar a memoria de quen dá nome á Fundación Carlos Casares no seu ano como homenaxeado no Día das Letras Galegas, centrándose na súa interesante relación co cine desde varias frontes.

O Curso está dirixido preferentemente á comunidade universitaria, con afán formativo e divulgativo, pero, ao mesmo tempo, ábrese aos demais circuítos académicos e a todos os cidadáns motivados polo sector audiovisual.

Ao abeiro deste curso desenvolverase, por oitavo ano consecutivo, o Taller Audiovisual “Celanova, plató de ficción”, baixo a dirección de Paulino Pérez Feijoo. Esta experiencia, eminentemente práctica, está dirixida aos alumnos de Comunicación Audiovisual da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e ten como obxectivo a produción duhna peza audiovisual nun tempo determinado e cun orzamento pechado.