When:
28 Xuño, 2022 – 1 Xullo, 2022 all-day
2022-06-28T00:00:00+02:00
2022-07-02T00:00:00+02:00
Where:
Auditorio Municipal Ilduara de Celanova (AMIC)

A Fundación Carlos Casares, coa Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Concello de Celanova, a Deputación Provincial de Ourense, e coa colaboración do AGADIC, promove o XVIII Curso de Verán de Extensión Universitaria (CeMAC 2022) Cinema no bisturí. Deconstruíndo o audiovisual galego actual, unha nova achega na liña temática iniciada hai dezaoito anos co curso Cine e literatura. Casares e o cine, e que veñen reunindo, no berce de Manuel Curros Enríquez, a cualificados especialistas e profesionais do sector para disertar ao redor das súas diferentes disciplinas.

O CeMAC2022 centrarase en coñecer e analizar as singularidades da ficción en formato filme a través de exemplos específicos e de éxito no audiovisual. Pero tamén analizará outros formatos, así como o proceso de consolidación do ecosistema audiovisual, do seu equilibrio industrial e creativo, e os pasos que se están a tomar para a súa normalización no país á marxe de soportes e formatos.

Participarán nas mesas profesionais en diversos aspectos creativos (fotografía, música, guión…) e tamén perfís profesionais das industrias culturais, co fin de analizar a situación do sector e as novas posibilidades transversais de actuación. Ao abeiro deste curso desenvolverase, por undécimo ano consecutivo, o Taller Audiovisual “Celanova, plató de ficción”, baixo a dirección de Paulino Pérez Feijoo. Esta experiencia, eminentemente práctica, está dirixida ao alumnado de Comunicación Audiovisual da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e ten como obxectivo a produción dunha peza audiovisual nun tempo determinado e cun orzamento pechado.

Posibilidade de albergue e transporte gratuíto, pregunta no noso correo (fundaciocarloscasares@gmail.com)