Escoita o texto en galego

A palabra peregrinus, antes do século IV, aplicábase a un estranxeiro, alguén que vive e deambula fóra do seu país. Co tempo sumará, ademais, a característica de visitar lugares sagrados. Así aparece nos textos do século XI, cando estes personaxes deixan de ser unha anécdota para converterse nunha presenza frecuente.

De 1050 a 1150 Europa vive un ciclo de prosperidade, grazas ao progreso territorial dos reinos cristiáns na Península Ibérica e a expansión da economía, o cal provoca unha mellora das comunicacións.

“Santo” significa “fiel”, e a santificación dunha persoa recaía na comunidade de crentes que, sobre a base das testemuñas máis achegadas, comezaban a venerala. Por iso os primeiros santos foron os mártires, que ían desprazando os deuses pagáns nos países convertidos.  Foi o Papa Adriano VII quen, en 1170, estableceu a santificación como prerrogativa absoluta do Sumo Pontífice.

LUGARES DE PEREGRINACIÓN

A peregrinación, como forma de santificación, non é exclusiva do cristianismo senón común a outras relixións. Os hebreos acoden tres veces a Xerusalén, ao Muro de Budaq ou das lamentacións; os musulmáns visitan a Meca en Arabia e Mashhad no Irán; o hinduísmo ten a peregrinación ás fontes do Ganxes, e cidades santas como Benarés e Rishikesh; e o budismo as Lumbini ou Bodh Gaia na India e Nepal, e o Shikoku Henro no Xapón.

SANTO OLAF DE NORUEGA

A catedral de Trondheim, está situada ao noroeste de Noruega, no fiorde do mesmo nome. Tamén se coñece como catedral de Nidaros e nela estaba a tumba de Santo Olaf, sendo un importante foco de peregrinación dos noruegueses na Idade Media e un referente da cristianización do país. Os restos de Olaf II de Noruega  xacían nunha furna relicario -en realidade tres, unha dentro da outra- que foi destruída durante a Reforma protestante de 1537.

AS RELIQUIAS 

As reliquias dos santos abrían as portas do ceo e atraían doacións dos devotos, pobres e ricos.  Esta rendibilidade converteunas en obxectos moi apreciados e sumamente viaxeiros.  De Santiago "O maior" reclamáronse reliquias en toda Europa. Dende unha man que tiña o bispo Adalberto de Hamburgo, e que acabou na igrexa católica de Saint Peter  en Marlow-on-Thames (preto de Reading, Inglaterra), ata diversas reliquias anotadas nos inventarios de Santa María de Copenhague, dos conventos franciscanos de Roskilde e Copenhague, e da catedral sueca de Lund.

Un fragmento óseo dun brazo exhíbese na abadía bieita de Santiago o Maior de Liexa (Bélxica). Segundo un texto do século XIII, a reliquia levouna de Compostela o conde Herman de Grez, co permiso do rei de Galicia. O agasallo fixo que se mudara a advocación da abadía, de Santiago o Menor a Santiago o Maior.